O Goberno local abre o prazo para apuntarse ao programa Deporte en Primavera 2013
O Concello da Coruña organiza un completo programa de actividades durante os próximos meses, entre marzo e xuño, co que se quere fomentar o ocio saudable coa colaboración de entidades deportivas da cidade. A inscrición para as máis de 40 propostas que oferta a Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo ábrese dende hoxe, martes 19 de marzo, e ata o próximo venres día 22, na páxina web www.coruna.es/deportes, con 1.522 prazas dispoñibles.
Francisco Mourelo sinalou que o programa Deporte en Primavera 2013 é unha aposta deste equipo de goberno por ofrecer aos coruñeses a posibilidade de practicar as súas actividades deportivas favoritas ou para achegarse a outras novas impartidas por especialistas: “O obxectivo é fomentar a integración social e o deporte base e os valores que representa, como traballo en equipo, compañeirismo ou espírito de superación,”.
Serán máis de 40 actividades nas que se poderá gozar dun total de 31 modalidades deportivas, dende as que gozan dun maior número de practicantes, como fútbol, baloncesto ou tenis, ata as que empezan a facerse un oco entre os coruñeses e que son deportes que están a crecer, como hóckey a patíns, natación ou patinaxe en liña.
O concelleiro destacou que, en total, se ofertarán 1.522 prazas para todas as idades para as 31 modalidades deportivas: atletismo, baloncesto, balonmán, mergullo, catamarán, ciclismo, deporte para todos, minusvalidez, fútbol, fútbol indoor, fútbol sala, ximnasia rítmica, halterofilia, hípica, hóckey a patíns, judo, karate, loita, natación, pádel, patinaxe artística, patinaxe en liña, remo, surf, taekwondo, tai chi, tenis, triatlón, vela cruceiro, vela lixeira e wíndsurf.
Deporte en Primavera 2013 propón un amplo abano de posibilidades ás persoas interesadas en participar, cun programa que inclúe 48 actividades -entre campus, cursos, xornadas, talleres e bautismos deportivos- en 15 recintos deportivos municipais repartidos polos barrios da cidade -como Riazor, Durmideiras, a Torre, Labañou, Sagrada Familia ou o Barrio das Flores-, o que favorecerá a participación dos veciños.
Mourelo explicou que o prazo de inscrición para participar en Deporte en Primavera 2013 se abre hoxe e permanecerá aberto ata o venres na páxina web da Concellaría de Deportes -www.coruna.es/deportes-, ou ben a través das 30 entidades deportivas que colaboran co Concello na organización e que teñen os seus propios períodos de inscrición en función da actividade e da data de celebración. Neste sentido, o concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude agradeceu a implicación das asociacións, o que evidencia o interese do Goberno municipal por traballar da man coas entidades deportivas para ofrecer actividades de calidade e dirixidas a todos os cidadáns. Para máis información, pódese consultar a páxina web municipal de Deportes.
RECINTOS DEPORTIVOS MUNICIPAIS
1. Campos de fútbol da Cidade Deportiva da Torre.
2. Frontón da Cidade Deportiva da Torre.
3. Frontón Municipal de Riazor.
4. Ximnasio A do Pazo de Deportes.
5. Ximnasio B do Pazo de Deportes.
6. Pazo de Deportes de Riazor.
7. Piscina Municipal de Riazor.
8. Piscina do Club do Mar.
9. Pista de Patinaxe de Durmideiras.
10. Polideportivo Municipal de Labañou.
11. Polideportivo Municipal Dos rosales.
12. Polideportivo Municipal de Sagrada Familia.
13. Polideportivo Municipal de San Francisco Javier.
14. Polideportivo Municipal do Barrio das Flores.
15. Polideportivo número 1 de Riazor.
ENTIDADES DEPORTIVAS COLABORADORAS
1. 5 Coruña Fútbol Sala.
2. Alquimia InLine.
3. Asociación Club Deportivo Salvador de Madariaga Tenis Club.
4. Asociación Cultural Keito.
5. Asociación Galega de Deporte para Todos.
6. Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña.
7. Asociación Juan de Lángara.
8. Balonmán OAR.
9. Club de Atletismo Riazor Coruña.
10. Club Baloncesto ADFRO.
11. Club Basquet Coruña.
12. Club Bodhidharma Coruña.
13. Club Ciclista Riazor.
14. Club de Tenis Marineda.
15. Club de Vela de Praia de Oza.
16. Club do Mar de San Amaro.
17. Club Hércules.
18. Club Natación Coruña.
19. Club Patinaxe Artística Maxia de Raquel Camacho.
20. Club Triatlón Coruña.
21. Club Viaxes Amarelle Fútbol Sala.
22. Club Ximnasia Rítmica Santiago Apóstol.
23. Federación Galega de Atletismo.
24. Federación Galega de Ximnasia.
25. Federación Galega de Halterofilia.
26. Federación Galega de Loita.
27. Orzán Club de Surf.
28. Real Club Náutico.
29. Real Sociedade Deportiva Hípica.
30. Sociedade Deportiva As Xubias.
REFERENTE DEPORTIVO
Francisco Mourelo destacou que o programa de Deporte en Primavera 2013 se completa cun gran calendario de actividades que permitirán reforzar A Coruña como capital deportiva do noroeste español. Neste sentido, o concelleiro asegurou que o obxectivo é converter a cidade nun referente, con eventos de calidade e multitudinarios, que sirvan para fomentar o deporte e, ao mesmo tempo, favorecer a dinamización económica do sector turístico. Entre as grandes citas para os próximos meses, Mourelo destacou Coruña42, a carreira contra o cancro, o Gran Premio Cantóns de Marcha Atlética, o Día do Deporte na Rúa, e o Campionato Internacional Cidade da Coruña de Tenis en Cadeira de Rodas, que se celebrará entre os días 9 e 12 de maio.











