O Fórum acolle Expo Voda, o I Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballoLocal
A-
A+
Presentación do I Salón de Vodas

Presentación do I Salón de Vodas

O recinto Fórum Carballo acolle a fin de semana do 6 e 7 de abril Expo Voda, o I Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións que se celebra no municipio e na Costa da Morte. Arredor dunha vintena de establecementos da vila participan na iniciativa, pero tamén se ofrecen servizos doutros lugares próximos para ampliar a oferta con propostas que non están dispoñibles en tendas da comarca. É o caso de Fotomatón Galicia, situada na Coruña, que permite contratar unha cabina de fotomatón para que os invitados poidan sacar as fotos que queiran durante a celebración; ou un servizo de aluguer de coches clásicos que participa dende Arteixo. María del Carmen Freire, xerente do Centro Comercial Aberto Carballo (CCA), entidade organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo e a Dirección Xeral de Comercio, explica que a feira non está dirixida tan só a parellas, senón tamén a invitados ou a outras celebracións que non sexan vodas. Inténtase cubrir toda a oferta posible, incluíndo traxes, perruquería e banquetes, pero tamén servizos financeiros, de seguros e incluso inmobiliarios. Trátase dun salón “que non pretende a venda inmediata, senón futuros contactos cos establecementos”, segundo Freire. Durante o salón, con horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, haberá degustacións gastronómicas e un desfile de moda ás 19.00 horas.

O acceso ao recinto, que inclúe unha pasarela para desfilar, un espazo para os stands e outro para as degustacións, está restrinxido ás invitacións que reparten os establecementos participantes durante os días previos, ou a unha entrada simbólica de 2 € que se pode pagar no momento de acceder ao salón. O motivo, segundo explica Freire, é que os propios establecementos solicitaron este requisito, xa que o obxectivo “non é tanto que haxa un número moi elevado de asistentes, senón que se trate dun público interesado nos servizos que se ofrecen”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo salientar o feito de que nestes momentos xurdan novas iniciativas como este salón, xa que “a crise golpea dunha maneira crúa, incluso no número de enlaces celebrados”. Así, mentres que en 2011 houbo 50 vodas civís, en 2011 só se celebraron 26 e no que vai de ano 2013 tan só unha, o 14 de febreiro. Ferrero desexou que esta feira sirva non só para “que a xente poida ver nun único percorrido grande parte de contidos personalizados”, senón para incentivar o sector. Por último, espera que este I Expo Voda teña continuidade no futuro e que que redunde no beneficio “de todas as persoas que apostan por este tipo de eventos”.

22 de marzo de 2013 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.