O Festival Ortigueira convoca o Proxecto Runas 2013 para impulsar grupos emerxentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

Volve o Proxecto Runas, o concurso a través do que o Festival Ortigueira 2013 servirá como plataforma promocional para os novos creadores da música de raíz. Están convocados a participar todos os grupos emerxentes de calquera procedencia que busquen facerse un sitio no panorama folk. As tres mellores bandas competirán en directo durante a próxima edición do evento música, que se celebrará do 11 ao 14 de xullo. O premio, unha praza segura no cartel do 2014.

Como participar?

As formacións deberán enviar en MP3 a través da dirección electrónica runas.festival@concellodeortigueira.com ou por correo ordinario ao Festival Internacional Mundo Celta- Proxecto Runas-Praza Isabel II s/n 15330 Ortigueira, ata o 1 de abril, os seus cinco mellores temas propios. Xunto a estes cortes, haberán de incluír un breve informe informativo, imaxes e a documentación de inscrición, que pode descargarse na web oficial.

Poderá participar calquera grupo, calquera que sexa a súa procedencia, que teña un máximo de sete compoñentes e conte cun repertorio mínimo dunha hora de duración. Estarán, iso si, excluídos aqueles que se clasificaron para a final do certame Runas nalgunha das catro últimas edicións.

Selección

Un comité técnico, nomeado polo Concello de Ortigueira, realizará unha primeira selección de ata quince grupos. A segunda fase correrá a cargo dun xurado, integrado por axentes musicais, artistas e técnicos, aos que se sumará, como un máis, o voto emitido polos internautas que visiten a nova web oficial, entre o 11 ao 25 de abril.
As tres bandas finalistas actuarán en Ortigueira recibirán, en concepto de compensación para afrontar os gastos de aloxamento e, moi especialmente, de desprazamento, contías que oscilarán entre os 1.000 e os 2.000 euros.
Finalmente, un xurado, presente entre o público, decidirá tras estes concertos, cal é a formación gañadora, que volverá tocar no escenario principal en 2014 e se embolsará 2.500 euros por esta actuación.

Trece anos de traxectoria

O Festival Ortigueira aposta, unha vez máis polo “Proxecto Runas”, unha iniciativa consolidada que serviu nesta primeira década longa de vida para impulsar bandas como La Bruja gata, Rare folk, Bellón & Maceiras ou a xaponesa Harmonica Creams, que estará este ano en Ortigueira como gañadora da pasada edición.

1 de marzo de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.