O Festival en beneficio de Médicos Sin Fronteras acadou 570 euros para proxectos humanitarios
A veciñanza de Neda respondeu moi positivamente á chamada solidaria de Médicos Sin Fronteras. Así, no Festival organizado o pasado venres na Casa da Cultura para recadar fondos con destino aos proxectos humanitarios da ONG, logrouse reunir ata 570,82 euros. Unha cifra moi importante en tempos de crise e, sobre todo, tendo en conta que o prezo das entradas se tiña fixado en tan só dous euros. Así, o público non só colaborou cunha boa causa, senón que tamén puido desfrutar da música dos grupos Zoar no Vento, Vaidevaranda e Agrupación Lucero del Alba, formacións que colaboraron desinteresadamente.
O Festival incluíase na campaña Neda sin Fronteras, que organizou Médicos sin Fronteras en colaboración co Concello. E, esta, non foi a única actividade. Así, a Casa das Palmeiras acollía a exposición “40 anos de Acción Humanitaria Independente” e albergaba unha conferencia-coloquio sobre o traballo da ONG e a Aula Audiovisual do IES Fernando Esquío era sede da proxección de dúas curtas do documental “Invisibles”, un traballo co que se rendía xustiza a esas persoas que seguen a estar fóra da atención mediática: persoas con enfermidades esquecidas e vítimas de conflitos armados.











