O edificio de deportes náuticos da Pobra terá un foso de remo grazas ao apoio da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá o convenio de colaboración co Concello da Pobra do Caramiñal que formaliza a achega provincial para a construción do foso de remo do edificio de deportes náuticos deste municipio. O acordo asinouse co alcalde do municipio, Isaac Ventura Maceiras.

A axuda provincial aprobada neste convenio é de 47.264 euros, o que supón o financiamento do 85,26% do orzamento dun proxecto que ascende a un total de 55.436,15 euros e que ten un prazo de execución de tres meses.

O alcalde, tras a sinatura do convenio, salientou a grande importancia que terá esta nova instalación, xa que en A Pobra traballan a diario setenta remeiros. “Grazas a este foso de remo, poderán facelo a diario a pesar das condicións climatolóxicas, xa que estará a cuberto”, explicou Isaac Ventura. Engadiu, ademais, que “a Deputación e o seu presidente foron quen de ver as necesidades do noso Concello coa colaboración nesta obra tan importante, moi habitual en municipios de Cantabria e o País Vasco, pero que en Galicia teñen contados clubs”.

Finalmente, Isaac Ventura solicitou a presenza de Diego Calvo na próxima inauguración do foso de remo, para o que espera que poida estar listo antes do verán.

18 de marzo de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.