O curso Celga 3 organizado polo Concello da Laracha comezará o 1 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O curso de preparación para a obtención do certificado en lingua galega Celga 3 que organiza o Concello da Laracha comezará a impartirse o vindeiro luns día 1 de abril, unha vez rematada a Semana Santa, e concluirá o 30 de maio, poucos días antes da celebración das probas oficiais para a obtención do certificado que convocará a Xunta de Galicia no mes de xuño. O horario lectivo será de luns a xoves, de 20.00 a 22.30 horas, e as clases impartiranse nunha das aulas da Casa da Cultura da Laracha.

Actualmente son máis dunha vintena as persoas anotadas para participar como alumnos. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o propio día de inicio do curso. As persoas interesadas deben dirixirse ao Concello da Laracha en horario de oficina.

O Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao marco común de referencia para as linguas e é necesario para demostrar un coñecemento do galego a efectos laborais e académicos, polo que é un requisito fundamental, por exemplo, para presentarse ás oposicións á Administración galega.

O Celga 3 é validable polo título de graduado en educación secundaria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1) sempre e cando os estudos se realizasen por completo en Galicia e a materia de lingua galega fose superada na totalidade dos cursos.

Tamén é equivalente ao certificado do ciclo elemental de galego expedido polas escolas oficiais de idiomas.

25 de marzo de 2013 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.