O cooperativismo como alternativa de emprego en tempos de crise

Presentación en Xantar
Xantar sumouse a esta xornada á celebración do Día Internacional da Muller incluíndo no seu programa varias presentacións de produtos innovadores de orixe galega inspirados nela como é o caso da Pink Cow, un novo concepto de bebida ideado polo chef Flavio Morganti que “representa a alma feminina” ou Ana Gin de Adegas Moure, a nova xenebra Premium que serve de homenaxe á muller empresaria galega. Estes dous produtos, que se poden tomar xuntos ou por separado, consolidan a Xantar como o mellor escaparate para a presentación de produtos innovadores.
O papel da muller na sociedade foi protagonista hoxe tamén durante o acto central do Día adicado ás Cooperativas, ás Feiras de Portugal, a Andalucía e ó Concello de Salceda de Caselas que foi presidido polo director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, e que fixo referencia a que “o cooperativismo convértese na mellor alternativa para a crise xa que garante estabilidade laboral e fomenta a inserción da muller, ademais de fixar poboación activa no rural. É un xerador de autoemprego e é o modelos empresarial máis igualitario, solidario e con maior responsabilidade compartida”. O director xeral informou de que existen en Galicia na actualidade 1.152 cooperativas que dan emprego a máis de 90.000 persoas.
No ecuador da súa 14ª edición, a xornada de hoxe de Xantar estivo marcada pola cantidade de actividades tanto profesionais como orientadas ó público xeral. Vencellado coa presentación de produtos innovadores, destaca tamén a nova liña de produtos gourmet de Aceites Abril que foi presentada esta tarde e que inclúe as “Gotas de Abril”, unha nova gama de monovarietais e os novos sprays de aceites de oliva virxe extra. Tamén foi presentada hoxe a Guía de Produtos Tradicionais de Excelencia da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal elaborada pola Deputación de Ourense a través do seu programa “Eixo Interior” que ademais conta cun stand no salón.
Polo que respecta aos obradoiros de cociña, o mestre pasteleiro Miguel Sierra impartiu un sobre Azucre Soplado que convocou a un importante número de profesionais. Por outra parte, o cociñeiro do Balneario de Lobios, Domingo González, maridou o viño do Ribeiro con produtos das IXP Faba da Lourenzá, Mexillón de Galicia e Ternera Gallega no obradoiro organizado pola Consellería de Medio Rural e do Mar.
Hoxe tamén foi presentada a Festa do Xamón da Cañiza con posterior degustación e o Concello de Salceda de Caselas, que contaba co día adicado, organizou tamén unha degustación de callos e unha actuación do seu “Rancho de Reis”.
Polo que respecta a restauración, o día de hoxe rexistrou unha importante afluencia de visitantes destacando sobre todo os xantares de empresas que decidiron achegarse ata o salón para gozar dun almorzo diferente.











