O Consorcio de Turismo realiza a presentación da Coruña como destino turístico en Lisboa
O Consorcio de Turismo presentou hoxe A Coruña como destino turístico en Lisboa. A presentación que se levou a cabo ante profesionais do sector (touroperadores, axencias de viaxes e medios de comunicación) enmárcase dentro da campaña que a Xunta de Galicia está a realizar para promover os aeroportos galegos, entre eles Alvedro. O obxectivo desta iniciativa é o de dar a coñecer o destino A Coruña nun mercado prioritario para a cidade.
Durante a presentación, o Tenente de Alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, fixo fincapé no feito de que A Coruña sexa cabeceira de destino nos plans de promoción turística da Xunta e subliñou a importancia de que a Torre de Hércules sexa un dos dez destinos estrela da comunidade. Cid subliñou que A Coruña é un destino urbano, diferente ao de sol e praia, que ofrece múltiples experiencias. No acto de presentación tamén estivo presente a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Lameira Castro; o director da OET en Lisboa, Antonio Nieto, e Paula Canadá, representante de TAP Portugal.
Con respecto á conexión directa entre Alvedro e Lisboa, a través da compañía TAP Portugal, Cid apuntou que representa unha grande oportunidade para reactivar o fluxo de turistas internacionais á nosa cidade ademais de ofrecer un importante servizo aos cidadáns.
Os portugueses son tradicionalmente o mercado emisor máis importante para a comunidade galega. Así, no ano 2011, os turistas procedentes do país veciño supuxeron o 21,5% dos estranxeiros que visitaron Galicia, un total de 171.909 persoas aloxadas en establecementos regulados galegos











