O Concello repartirá 30 compostadores entre os habitantes da zona urbana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+
Compostadora de xardín

Compostador de xardín

A concellería de Medio Ambiente do concello de Monforte incorporouse ó proxecto de compostaxe doméstico impulsado por Sogama coa pretensión de obter importantes beneficios ambientais e económicos.

O Concello realizará a distribución gratuíta de 30 compostadores domésticos destinados exclusivamente a persoas residentes na zona urbana.

O programa de compostaxe doméstica ten como obxectivo a redución e prevención da xeración de residuos, xa que a fracción orgánica (restos de comida) que se orixina nas nosas vivendas costitúe case a metade do contido da nosa bolsa de lixo. Producindo compost reducimos o lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros.

O Concello vai abrir un prazo coa finalidade de confeccionar unha lista de persoas que desexen acceder ó programa de compostaxe dos residuos orgánicos e adquirir de maneira gratuíta un compostador doméstico.

Deste xeito, aquelas persoas interesadas en compostar a materia orgánica procedente dos seus xardíns ou os restos de comida, deberán anotarse na oficina de Medio Ambiente do Concello a partir do luns día 18 de marzo e ata o día 15 de abril.

Os modelos de solicitude poden recollerse na propia oficina municipal de Medio Ambiente ou no apartado de áreas municipais (Medio Ambiente) da web www.monfortedelemos.es

As persoas que accedan ó programa de compostaxe deberán asisitir a unha charla na que se lles explicará que tipo de restos e materiais se poden depositar nos compostadores, dándolles unhas pautas básicas sobre o proceso a seguir para compostar correctamente.

Os/as participantes neste programa tamén disporán dun servizo de asesoría permanente para resolver as posibles dúbidas que xurdan.

Dende a concellería de Medio Ambiente anímase á cidadanía a reducir, reutilizar e reciclar os residuos e a participar neste programa de compostaxe doméstica.

Para máis información poden chamar ó teléfono 628 115 309.

17 de marzo de 2013 | 00:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.