publicidade hoxe

O Concello rende homenaxe a dúas farmacéuticas coa concesión do premio Úrsula Meléndez de Texeda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosLocal
A-
A+

O goberno local prepara este fin de semana diversas actividades con motivo da celebración do Día da Muller. Entre eles, a entrega da V edición dos Premios Úrsula Meléndez de Texeda en recoñecemento ao labor desenvolvido por dúas farmacéuticas: María Luisa Couceiro Seoane e Amalia Leis Bugallo, falecida en outubro de 2011. O Concello pretende así recoñecer o traballo incansable de dúas betanceiras que reivindicaron a figura da muller nunha sociedade e nun ámbito profesional dominado polo home.

O alcalde, Ramón García Vázquez, explicou que coa designación destas dúas mulleres, acordada por todos os grupos políticos a proposta este ano do PP, se pretende destacar a traxectoria de dúas mulleres “exemplo de profesionalidade e que reflicten á perfección o espírito deste premio Meléndez de Texeda”.

O primeiro edil lembrou durante a presentación do premio algúns aspectos da vida profesional destas dúas mulleres e os anos dedicados á súa profesión, María Luisa Couceiro desde que en 1967 fíxose cargo da formación Couceiro tras o falecemento do seu tio Jesús Couceiro Núñez, e Amalia Leis desde que en 1955 adquiriu a botica da avenida García Naveira. A pesar de ser competencia directa, García Vázquez indicou que por encima de todo “compartiron amizade, unha relación familiar” a mesma que “dedicaban a cantos se pasaban polas súas farmacias”.

García Vázquez indicou que se trata dun recoñecemento pequeno para un labor profesional tan importante “pero será un recoñecemento sincero, emotivo e humilde” dunha cidade que tiña unha “débeda con elas”. Neste sentido, fixo un convite para que os betanceiros participen no acto previsto para o vindeiro domingo, día 19, ás 12.30 h no salón Azul do edificio Liceo.

Xuntanza mulleres

O alcalde presentou tamén a IX edición da Xuntanza de Labores Tradicionais organizada polo propio Concello en colaboración coa asociación de Mulleres da Condesa que se celebrará o próximo día 9 durante todo o día no Liceo. Nesta edición o Concello conta coa participación de 52 asociacións cun total de 479 persoas inscritas. A maior parte de diversos puntos de Galicia como A Coruña, Ferrol, A Mariña lucense, Pontevedra e Vigo. Por primeira vez tamén participarán grupos procedentes de Asturias, León e Zamora. A consolidación desta cita reflíctese na petición de información sobre esta xornada de municipios cataláns e andaluces, entre outros. O primeiro edil destacou a importancia que ten o evento non só polas actividades que se desenvolven no Liceo durante todo o día senón para a propia cidade polo importante número de visitantes que sempre “atrae a xuntanza de labores”.

Ruta guiada oficios

Coincidindo coa Xuntanza, a delegación de Turismo organizará unha nova ruta do programa de visitas guiadas, neste caso o “roteiro urbano: oficios e tradicións”. Aínda está aberto o prazo de inscrición. O punto de encontro será o sábado ás 11.30 h no Museo das Mariñas.

8 de marzo de 2013 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.