O Concello da Coruña recuperará 6.000 metros cadrados das murallas da Cidade Vella
O Alcalde, Carlos Negreira, informou de que o proxecto de rehabilitación das murallas da Cidade Vella sairá proximamente a concurso público tras a súa aprobación por parte da Comisión de Seguimento do Plan de Dinamización de Produto Turístico da Área Metropolitana da Coruña: “O proxecto consiste na limpeza e consolidación da totalidade da muralla histórica da Coruña, o que representan 6.000 metros cadrados na zona de Capitanía, San Carlos, Hospital Abente e Lago, xardíns da Mestranza e zona Dos pelamios co baluarte e a muralla de Veramar”, precisou.
Esta actuación contará cun presuposto de 268.415,64 euros e espérase licitar neste primeiro semestre de 2013. O proxecto da Primeira Fase de Plan de Murallas deberá incluír non só a eliminación da maleza e das plantas invasoras, senón que será unha actuación máis completa, pois tamén será preciso limpar e repoñer morteiros, rehabilitar as portas, retirar cableado, realizar estudos arqueolóxicos para a recuperación dos niveis orixinais de arranque das murallas e favorecer a súa integración na armazón urbana, como a apertura da escaleira interior que comunica o Paseo do Parrote co Xardín de San Carlos.
Negreira destacou que un dos grandes obxectivos do Goberno local é recuperar o patrimonio histórico e cultural da cidade: “O PGOM recolle moi ben esa nova sensibilidade do Goberno municipal co noso patrimonio, sendo o primeiro plan que fai unha revisión deste,”.
Fonte de Catro Camiños
Por outra parte, o alcalde avanzou que, coincidindo co 50º aniversario da fonte de Catro Camiños, o Concello acometerá a súa remodelación: “Trátase dunha zona emblemática da cidade que necesita unha remodelación que sacaremos a concurso público”, sinalou e engadiu: Queremos modernizar a súa imaxe e reparar a súa estrutura para que brille como merece. Ademais conseguiremos que sexa máis eficiente para que o seu mantemento teña un menor custo”.
Carlos Negreira destacou que esta actuación, sumada á renovación de beirarrúas e ao inicio das obras na Fábrica de Tabacos, supoñerá a renovación dunha das zonas máis emblemáticas da cidade.
PGOM
Con respecto ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, o alcalde insistiu en que a decisión da Xunta de dar o visto e prace definitivo ao documento é unha gran noticia para o conxunto da cidade e dos seus veciños xa que posibilitará novos investimentos na Coruña e solucionar problemas dos barrios que, ata agora, estaban encistados. Recordou que todos os trámites se realizaron en tempo récord e que o Goberno local actual tivo que esforzarse para conseguir o visto e prace a oito informes negativos.
Negreira lamentou a actitude da oposición que parece non se alegrar dunha “magnífica noticia” para os coruñeses: “A decisión da Xunta marca o último paso antes da aprobación do PGOM nas primeiras semanas de abril, e esta valiosa noticia non debe ser embazada con algúns inventos de trámites que non existen por parte da oposición. Diríalles que quiten por unha vez a camiseta dos seus partidos e se poñan a camiseta da cidade”, concluíu.











