O Concello recibe sete propostas para a xestión dun contrato de axuda a domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña recibiu sete ofertas ao concurso aberto para a xestión dunha parte do servizo público de axuda a domicilio, que ten como principal obxectivo atender as necesidades diarias das persoas e impulsar así a súa integración social. O presuposto estimado do Goberno municipal para este contrato, desenvolvido a través da Concellaría de Servizos Sociais, é de 1,5 millóns de euros ao ano.

O Concello sacou a concurso o contrato, por dous anos e prorrogable por dous máis, mediante procedemento aberto, para favorecer a participación e a igualdade de oportunidades entre as empresas. Trátase dun programa que exemplifica o obxectivo do Executivo municipal de garantir a atención das persoas que máis o necesitan; un servizo onde se traballa sobre todo con persoas maiores con déficits de autonomía e con minusvalidez.

A adxudicataria axudará os usuarios nas súas actividades básicas diarias, como vestirse, comprar e cociñar, ademais de fomentar a hixiene persoal e tarefas de apoio psicosocial, con accións terapéuticas, educativas, socioculturais e de acompañamento e socialización. O servizo prestarase entre as 07.00 e as 22.00 horas, de luns a sábado, aínda que fóra dese horario tamén se atenderá aos usuarios se é necesario. O Goberno local encargarase de propoñer as altas no servizo, que a empresa terá que cubrir nun prazo máximo de 7 días hábiles -salvo nos casos urxentes, onde o inicio do servizo será dentro das 48 horas seguintes, e nos de extrema urxencia, nun prazo máximo dun día dende que Servizos Sociais curse a solicitude-.

O Concello avoga por ofrecer un servizo de calidade e, para garantir que se axusta ás características fixadas no prego de contratación, o xestor do servizo terá que facer un seguimento individualizado de cada usuario. A Coruña é un dos poucos concellos de Galicia onde a administración municipal xestiona directamente o diñeiro recadado nas achegas dos usuarios, en lugar de deixalo en mans da concesionaria, o que permite un maior control na xestión e na atención aos cidadáns.

En 2013, o presuposto municipal reflicte o compromiso da área de Servizos Sociais de dar resposta ás demandas reais dos coruñeses. Neste sentido, as grandes partidas para a conciliación da vida familiar e laboral e para a axuda á dependencia, que alcanzan os 7,08 millóns de euros, subiron por segundo ano consecutivo: en 2013, o investimento increméntase nun 11,4% con respecto a 2012 e nun 25,3% fronte a 2011.

RENOVACIÓN DE FIRMES

O Concello tamén recibiu 11 propostas para a execución da primeira fase do plan de renovación e rehabilitación de firmes nas rúas da cidade, cun gasto de 200.000 euros e unha previsión para os próximos anos que alcanzará os 1,5 millóns de euros.
A licitación deste concurso mediante procedemento aberto é unha das apostas do Goberno local pola reurbanización e acondicionamento dos espazos públicos da Coruña co grande obxectivo de favorecer a accesibilidade e mobilidade dos peóns. En concreto, nesta primeira fase inclúense 19 vías da cidade:

1. Estrada do Portiño.
2. Paseo de Rolda.
3. Manuel Murguía.
4. Avenida da Habana.
5. Cigarreiras.
6. Joaquín Planells.
7. Xeneral Rubín.
8. Pablo Picasso.
9. José Miñones.
10. Álvaro Cunqueiro.
11. Acceso de Alfonso Molina dende a fonte dos Lazos.
12. Antonio Machado.
13. Avenida Salvador de Madariaga.
14. Marqués de Amboage.
15. Marqués de Figueroa.
16. Fernando Rey.
17. Avenida de Alfonso Molina.
18. Liñares Rivas.
19. Primo de Rivera.

19 de marzo de 2013 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.