O Concello proxecta habilitar unha área de servizo para autocaravanas no paseo marítimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

O Concello de Cedeira proxecta habilitar unha área de servizo para autocaravanas. A infraestrutura situaríase no ámbito do paseo marítimo da Madalena, o mesmo que bordea a praia urbana da vila. A decisión nace do encontro que o alcalde de Cedeira, Leopoldo Rubido, mantivo recentemente cos responsables da Asociación Galega de Autocaravanas -AGA-. Unha entidade formada por máis de 360 familias asociadas da Comunidade maioritariamente, aínda que con presenza de persoas doutras rexións.

Segundo os datos achegados, o parque de autocaravanas a nivel nacional supera os 50.000 vehículos, aínda que o movemento deste tipo de turismo é moito máis elevado, ao sumalo as 600.000 autocaravanas estranxeiras que cada ano traspasan as fronteiras españolas. Así mesmo, é habitual a presenza deste tipo de turistas en Cedeira, especialmente nos períodos vacacionais como verán ou Semana Santa.

Neste contexto, o Concello pretende potenciar este tipo de turismo ofrecéndolles servizos como a área prevista. E, para a súa posta en marcha, a Administración local xa busca financiamento externa vía subvención, aínda que xa avanza que, aínda sen axuda doutras administracións, a súa pretensión é habilitar a infraestrutura. Neste caso, con fondos propios.

A área de servizo para autocaravanas contaría cun punto de baleirado para augas grises -orixinadas pola ducha, o lavabo e o vertedeiro do vehículo-, para o baleirado de augas negras, unha toma de auga potable, un punto de recollida de lixo doméstico, a correspondente sinalización e un panel de información turística. O obxectivo sería dispoñer deste servizo de cara ao período estival.

22 de marzo de 2013 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.