O Concello presenta a web do Plan RUA como complemento á campaña de concienciación cidadá
O Voceiro municipal, Julio Flores, acompañado pola concelleira de Barrio Mariel Padín, e o concelleiro de Medio, Enrique Salvador, presentou esta mañá a páxina web do Plan RUA (www.planrua.es). “Hoxe presentamos unha nova ferramenta que que recolle toda a información e o calendario de actuacións en cada un dos barrios da cidade. Esta web será un complemento a todas as accións informativas que realizamos nos barrios”, explicou.
Na web do Plan RUA informarase sobre as datas, accións e zonas concretas de cada barrio nas que se levan a cabo as tarefas do Plan RUA, así como dos aspectos ambientais nos que se quere incidir especialmente: mantemento de espazos públicos, limpeza viaria, residuos sólidos urbanos, gomas de mascar, cabichas, excrementos caninos e recollida de elementos voluminosos.
Por outra parte, os cidadáns poden colaborar enviando suxestións e comentarios, para poder abordar as melloras necesarias nos seus barrios. Ademais, como complemento aos talleres para nenos e nenas e charlas para adultos que se imparten en cada barrio, na web recóllense diferentes xogos e diversa información para incidir na importancia de manter unha cidade limpa e coidada. Por outro lado, os colexios e colectivos que estean interesados en organizar charlas e talleres de concienciación ambiental, poden solicitalas a través da web.
O novo portal tamén inclúe un apartado dedicado ás imaxes das tarefas que se enmarcaron no Plan, cos resultados dos traballos que se levaron a cabo nos diferentes barrios.
“A finais de 2011 comezaba o proxecto do Plan RUA, unha actuación integral de mellora dos barrios e a principios de 2013 poñíase en marcha unha campaña de cidadá. Estanse a utilizar diversas ferramentas para lograr a colaboración dos coruñeses no coidado dos espazos públicos e agora contamos cunha páxina web para seguir incidindo na necesidade de contar coa colaboración cidadá”, explicou Flores.
A nova páxina web inclúese dentro da campaña de concienciación cidadá e complementa o labor dun equipo de promotores ambientais que realiza as tarefas informativas nos barrios e desenvolve actuacións específicas en centros cívicos, bibliotecas, centros docentes e colectivos sociais ou veciñais. “En 2012 participaron máis de 600 persoas nos talleres e charlas informativas, dos que case 500 foron público infantil. Agora, neste mes de marzo, realizouse o primeiro taller infantil no Centro Cívico Dos mallos e xa se organizaron outras tres actividades con nenos e unha de adultos nos Centros Cívicos de Palavea, Os Rosales e San Pedro de Visma; charlas que se irán incrementando ao longo de todo o ano nos barrios da cidade”, concluíu Flores.
Balance
Flores realizou un balance da primeira fase de 2013, que chegou a oito barrios da cidade: Urbanización Breogán e Urbanización Obradoiro; Lugar de Feáns e Lugar de Mesoiro; A Torre – Orillamar; Vos Mallos; Barrio das Flores; Ventorrillo; Ás Xubias; e Elviña 2º Fase. ” As tarefas cubriron máis de 264.000 metros cadrados de 180 rúas e prazas. Realizáronse actuacións de mellora en 1.600 colectores e papeleiras, instaláronse 132 novos colectores e 21 papeleiras, limpáronse 10.719 metros de rede de sumidoiros, resolvéronse 99 deficiencias na iluminación pública, renováronse 965 m2 de beirarrúas, limpáronse 60 semáforos, pintáronse 19 pasos de peóns, resolveuse deficiencias en 40 sinais de tráfico e en 8 bocas de incendio, e abriuse 17 expedientes para a retirada de vehículos abandonados “, explicou.
A partir do próximo 1 de abril, arrancará a segunda fase que se estenderá ata o 13 de maio e atenderá aos barrios do Ensanche, Sagrada Familia, San Pedro de Visma, Lonzas, Catro Camiños, Durmideiras, Palavea e Os Rosales. “En 2013, o Plan RUA desenvolverase durante 11 meses a través de seis fases e supoñerá a renovación de 36 barrios da cidade, dez máis que en 2012”, destacou Flores.
Cada fase durará entre 26 e 40 días coa seguinte planificación:
– 3ª FASE: Do 27 de maio ao 29 de xuño pasará por: Monte Alto, Agra Orzán, Zalaeta, Os Castros.
– 4ª FASE: Do 1 ao 31 de xullo realizarase en Falperra, Sardiñeira, Catro Camiños, ou Birloque e Agra del Orzán.
– 5ª FASE: do 2 de setembro ao 5 de outubro levarase cabo en Pedralonga-Eirís, Castrillón, Monelos, Labañou-Ciudad Escolar e Paseo das Pontes.
– 6ª FASE: Do 28 de outubro ao 5 de decembro, percorrerá as seguintes zonas: Ventorrillo, Peixaría-Praza de Pontevedra, Cidade Vella, Elviña 1º Fase, Santa Margarida e Valaire.
Por último, o Voceiro municipal recordou que antes de abordar a limpeza de cada unha das zonas se realiza un estudo previo para valorar as necesidades específicas de cada barrio, xa sexan de limpeza, renovación ou reposición. “En 2012 acondicionáronse máis dun millón de metros cadrados e actuouse en 477 rúas e prazas durante 142 días. Reparáronse 4.568 colectores e 1.681 papeleiras; limpáronse 39.060 metros de rede de sumidoiros; renováronse ou acondicionaron 3.796 metros de beirarrúas; resolvéronse máis de 1.000 deficiencias de iluminación; actuouse sobre os pavimentos de 358 rúas e realizáronse 231 actuacións en parques infantís. En cada barrio tívose presenza entre 2 e 12 días con 58 operarios de máis de 30 servizos municipais”, finalizou.











