O Concello ofrece dous cursos gratuítos do CELGA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O Concello de Monforte de Lemos solicitou a participación en cursos gratuítos de lingua galega preparatorios para as probas dos certificados CELGA. Trátase dunha formación presencial para adultos de 70 horas de duración.

O Concello solicitou tres cursos, correspondentes ós niveis 2, 3 e 4, pero a Secretaría Xeral de Política Lingüística só concedeu un deles, o do CELGA 3, xa que a súa política é a de conceder un só curso por Concello. Para este curso a inscrición xa está pechada e con persoas interesadas en lista de espera.

Diante da enorme demanda que a realización destes cursos tivo por parte da cidadanía, o Concello púxose en contacto con Política Lingüística formulándolle a posibilidade de realizar algún curso CELGA máis se a institución municipal se facía cargo da contratación do profesor/a.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística accedeu a esta petición e, consecuentemente, o concello de Monforte vai impartir un curso do CELGA 2 con carácter oficial e totalmente homologable.

Tanto o curso organizado por Política Lingüística como o organizado polo Concello, desenvolveranse nas instalacións do IES Río Cabe a partir do día 3 de abril. O curso CELGA 2 impartirase polas mañás e o CELGA 3 polas tardes, en horarios aínda por definir cos profesores que os impartirán.

Tódalas persoas que queiran informarse sobre estes cursos deben dirixirse á Axente de Desenvolvemento Local do Concello, nas oficinas das Casiñas da Compañía ou no teléfono 982 884 775.

Os títulos CELGA son esixidos para acreditar o coñecemento do idioma galego en diferentes niveis e teñen como utilidade, entre outras, o acceso a certa formación pública subvencionada ou proporcionar puntuación en oposicións convocadas en Galicia.

21 de marzo de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.