O Concello mellorará o vial que conduce a Penamaior en Espasante dotándoo dunha beirarrúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira emprenderá nas próximas semanas melloras na citada vía pública de Espasante e en camiños de Loiba, Céltigos e Ortigueira no marco do Plan DTC 94 que cofinancian Deputación da Coruña e o concello. As actuacións, adxudicadas á empresa Villasuso Ortegal SL por un total de 36.900 euros, terán na súa maioría como finalidade a mellorar as condicións de seguridade e conservación de viais.
O proxecto do goberno de Rafael Girón inclúe un total de catro actuacións de reparación de vías de uso frecuente doutras tantas parroquias do municipio, mellorando así as condicións de seguridade vial tanto de condutores coma de peóns.

A maior parte dos fondos provinciais destinaranse a completar a posta a punto da pista que conduce ao lugar de Penamaior, dende as proximidades da praza de San Antonio, unha zona en plena expansión de Espasante Puerto.

O vial, que foi asfaltado hai uns meses, dotarase agora dunha beirarrúa de formigón coloreado por unha das marxes, pensando en facilitar o tránsito a pé pola zona. A intervención máis importante de cantas inclúe o paquete de obras absorberá máis do 70% do montante total do investimento a realizar.

Ademais, procederase a executar novos tramos de canalización de augas pluviais, colocación de sumidoiros e conexión coa rede de rede de sumidoiros existente nos accesos a Penas de Lombo (Loiba) e Cabaleiro (Céltigos); dúas pequenas actuacións que contribuirán a conservar o firme asfáltico de ambos os dous viais e que evitarán situacións de perigo a cantos utilizan a diario estas estreitas calzadas.

Finalmente, pavimentarase e acondicionará a quella existente entre o antigo centro de saúde (actualmente, escola infantil da rede Galiña Azul, Telecentro, a Oficina de extensión agraria) e a Escola de Música, unha actuación pendente dende a mellora de ambos os dous inmobles.

27 de marzo de 2013 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.