O Concello inviste 110.000 euros nas obras de humanización da rúa Nicaragua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Infraestruturas empeza o próximo luns, 11 de marzo, as obras que permitirán a apertura completa da rúa Nicaragua. O novo proxecto recolle a necesidade de corrixir as aliñacións das fachadas posteriores dos números 8 e 14 da rúa Tenente Xeral Gómez Zamalloa. Cun prazo de execución de dous meses, os traballos supoñen un investimento para o Concello de 110.152,35 euros.

O Goberno local adxudicou o proxecto a CRC Obras e Contratas, que rebaixou nun 14,5% o presuposto de licitación, fixado en 128.803,51 euros. Os traballos empezarán o luns e desenvolveranse na rúa Nicaragua, que comunica Juan Flórez co Pazo da Ópera. En concreto, o proxecto, que permitirá corrixir as aliñacións das fachadas posteriores dos números 8 e 14 de Gómez Zamalloa, desenvolverase en tres fases:

1. Realización de pórticos metálicos en ambos os dous edificios, que soportarán o forxado das terrazas. Con anterioridade, executarase a cimentación. Os muros de formigón terán un espesor de 30 centímetros.

2. Demolición da fachada posterior e forxado da terraza que invade a vía. Realizarase a través de medios manuais e mecánicos -maquinaria non pesada-. Os residuos obtidos clasificaranse para o seu envío a depósitos controlados e autorizados. Este proceso permitirá a recuperación e reciclaxe selectiva do material, o que contribúe á protección do medio ao diminuír as verteduras, así como ao aproveitamento do material.

3. Urbanización das zonas afectadas durante as obras, mediante rexeneración de beirarrúas, bordos e instalacións de servizos públicos.

PARQUE DE OZA

O departamento de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado tamén ten previsto investir 16.000 euros na mellora da eficiencia enerxética da iluminación do parque de Oza. Os traballos consistirán na substitución de 144 lámpadas e proxectores por equipos que permitan a súa regulación -os sistemas actuais non admiten unha regulación horaria-. Esta medida supoñerá unha redución da contaminación lumínica e un aforro para as arcas municipais á hora de pagar a factura de consumo eléctrico.

11 de marzo de 2013 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.