O Concello inicia as obras de mellora do Paseo Marítimo da Madalena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

O Concello informou esta mañá do inicio das obras de acondicionamento do Paseo Marítimo da Madalena. Uns traballos resupostados en 142.655 euros que se financian con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña e que contan cun prazo de execución de tres meses.

A intervención permitirá mellorar as condicións de circulación e a seguridade vial mediante o reforzo do firme. Ao respecto, a Administración local explica que se aplicará rego asfáltico no vial, xustificando a súa necesidade na deterioración do firme actual pola antigüidade da capa de rodadura, que provocou a presenza de cuarteamentos superficiais. Por outra parte, melloraranse as condicións de accesibilidade para persoas con diversidade funcional elevando os pasos de peóns a a altura das beirarrúas. Unha intervención que obrigará tamén a executar novos sumidoiros para facilitar a evacuación das augas pluviais e evitar así o estancamento nos devanditos pasos, e a adaptar os rexistros existentes á nova rasante.

Con esta obra, o Concello tamén quere potenciar o ámbito do areal como espazo de ocio e estanza reordenando a circulación e ampliando o tramo de sentido único do vial (quedará así dende a Praza ata a intersección coa Avenida do Salinas). Ao respecto, executarase nova sinalización, tanto horizontal coma vertical. E, por último, gañarán novas prazas de aparcadoiro. Neste sentido, a Administración local apunta que a demanda de estacionamentos presenta unha importante variación estacional, sufrindo un incremento notable nos meses de verán ao longo de todo o paseo, cunha redución o resto do ano no tramo final, aínda que no tramo máis próximo ao núcleo mantense ou eleva pola presenza do colexio. De aí a necesidade de ampliar as prazas de aparcadoiro.

7 de marzo de 2013 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.