O Concello homenaxea ás mulleres na figura de seis costureiras de Teo
Se o ano pasado foron as mulleres leiteiras de Teo as protagonistas este ano serán as costureiras, a figura que servirá para que o Concello de Teo homenaxee ás mulleres no seu día, o 8 de marzo. E para eso contaremos coa presenza de seis mulleres costureiras: Carmen de Rivas, Lola Calvo, Beatriz Silva, Alcira Lamela, Beatriz Martínez e Edelmira Milmanda.
A concellaría de Igualdade organiza un acto público en conmemoración do 8 de marzo na Casa Común de Rarís. A partir das 19:15 horas leerase a Declaración institucional, lectura que farán varias mulleres voluntarias do roupeiro municipal. Nese documento lémbrase como lles está afectando ó colectivo femenino a crise económica e social, polo que se reforza o compromiso institucional de fortalecer as políticas a prol da igualdade.
Pero sen dúbida un dos momentos máis esperados e emotivos será escoitar “a historia de seis mulleres, seis vivencias sobre o mundo das costureiras, un mundo de agullas, fíos e dedais, que a moitas coma elas lles permitiu contar cun traballo remunerado cando as alternativas para a muller eran moi limitadas, na metade do século XX” explica Ignacio Iglesias, edil de Igualdade.
As historias que contarán mañá son diferentes, cada unha coas súas peculiaridades. Mentras algunha delas aínda exerce o seu oficio outras son xa demasiado maiores e contarán daqueles tempos nos que as costureiras ían coser polas casas “coa máquina Singer na cabeza”. Vidas que parecen lonxanas pero que hai pouco máis de medio século lle permitían a estas mulleres pioneiras ter unha autonomía económica propia.
Seguindo o programa a continuación desta mesa redonda Marina Nieto recitará dous poemas de Rosalía de Castro, reivindicando a actualidade da obra rosaliana. A conmemoración rematarase con ambiente festivo, coa actuación do grupo de pandereteiras de Francos, e a voz das cantantes Ugía Pedreira e Najla Sham.
Durante o acto tamén se fará entrega dos premios do Concurso de fotografía “Olladas en igualdade” organizado este ano dende o Centro de Información á Muller, dependente da Concellería de Benestar e Igualdade.











