O Concello financia o programa de adestramento en habilidades de vida
O Concello da Laracha financia integramente o programa de adestramento en habilidades de vida que comezou a impartirse entre os máis de trescentos alumnos de ESO, Diversificación Curricular e PCPI do IES Agra de Leborís e non rematará ata finais de curso, xa no mes de xuño.
Este programa consiste no desenvolvemento dunha serie de sesións nas que se tratan diferentes temáticas relacionadas con cuestións que dalgunha maneira poden xurdir entre os adolescentes. A través dos obradoiros que se porán en marcha ofrecerase información, abriranse debates e realizaranse actividades dirixidas a previr problemas da gravidade das drogodependencias (desde o tabaco ou alcohol ata as drogas de deseño ou a cocaína), a resolución de conflitos sen uso da violencia ou a correcta utilización das redes sociais.
A temática dos obradoiro, así como a linguaxe que empregan os docentes, irán acorde a cada grupo de idade, sendo diferentes os programas que se desenvolven en cada un dos catro cursos.
Este programa de adestramento e habilidades de vida é organizado coa colaboración do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha e está sendo impartido pola carballesa Asociación Antidroga Vieiro.











