“O Concello Escoita” chega a Tomiño centro mañá, na Casa da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+

“O Concello Escoita”, a rolda de xuntanzas promovidas polo Concello de Tomiño polas parroquias do municipio co fin de informar e escoitar á veciñanza, chega mañá a Tomiño centro. A reunión terá lugar na Casa da Cultura, a partir das 20.30 horas.

Ata o momento nas reunións mantidas, houbo unha media de 30 persoas por parroquia. A maioría dos asistentes amosan o seu interese por estar informados e participar na vida pública do municipio.

Algunhas das peticións veciñais teñen que ver con competencias do Concello, e outras coas do goberno autonómico. Porén, todas son recollidas para tentar darlles unha solución.

A maioría das cuestións expostas pola veciñanza teñen relación coas obras de saneamento, e se hai novidades sobre a obra do colector xeral; arranxos de estradas e camiños, puntos de luz, lixo, estado das obras da vía rápida e transporte.

Ás xuntanzas acoden habitualmente a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Uxío Benítez e os edís de Obras e Medio Rural.

A rexedora agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos. Asemade, convida a veciños e veciñas a achegarse ás xuntanzas previstas no calendario de visitas.

Segundo o devandito calendario, as visitas pendentes son as de Tomiño centro (mércores 13 de marzo na Casa da Cultura); Estás (xoves 14 de marzo no Centro Cultural); Figueiró (luns 18 de marzo no Centro Cultural); Goián (martes 19 de marzo no Centro Goianés) e Barrantes (mércores 20 de marzo no pavillón), todas ás 20.30 horas.

12 de marzo de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.