O Concello destaca o traballo de Protección Civil de Teo no control do incendio dun autobús escolar

Bombeiros sofocando o incendio
O Concello de Teo destaca o traballo realizado esta mañá polos medios de emerxencia municipais no control e extinción dun incendio dun autobús escolar na urbanización dos Tilos. O 112 deu o aviso pasados uns minutos das oito da mañá. Persoal de Protección Civil de Teo desprazouse de inmediato á rúa Bidueiro, na confluencia coa rúa Carballo onde estaba o vehículo xa con lume.
Segundo explican dende o servizo os medios municipais, de emerxencias e policía local, foron os primeiros en chegar. Procedeuse a botarlle espuma ó lume para controlalo antes de utilizar a auga para apagar o lume coa motobomba urbana de Teo. En total usáronse ó redor de 10.000 litros de auga para apagar o lume e manter a zona fría.
Ata o lugar chegaron o GRUMIR de Boqueixón que colaborou activamente co Servizo Municipal de Teo prestando apoio como nodriza. Posteriormente chegaron dous camións de bombeiros do parque comarcal de Ordes, ademais dun equipo de protección civil de Padrón. Ordes e Padrón sumáronse ós efectivos que xa estaban traballando, unha vez apagado o lume, sobre todo nos traballos de control de vertidos do material dos depósitos do vehículo. O edil de seguridade, Rafael Sisto, que estivo na no lugar parte da mañá, agradece a colaboración dos servizos de concellos cercanos. Sen embargo “cuestionamos o tempo de resposta que é algo que debe avaliar seriamente a Xunta de Galicia”.
Sisto explica que o Concello de Teo asume un servizo de emerxencias propio pagado con fondos municipais “cun custe de máis de 300.000 euros, que é pouco se sirve para evitar traxedias”. Sen embargo o sistema xeral de emerxencias depende da Xunta de Galicia “e debe ter unha cobertura do territorio máis áxil”.
No incidente de hoxe nos Tilos afortunadamente non hai que lamentar desgracias humanas. O autobús levaba ó redor de 30 nenos/as cando comezou a botar fume. Dende os servizos de emerxencias destacan que a rápida actuación do condutor evitou que houbese feridos xa que fixo baixar ós ocupantes e encargouse de que outro autobús da mesma empresa os recollera e os levara ó instituto de Pontepedriña.
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, interesouse persoalmente falando coa dirección do instituto polo estado dos nenos e nenas. Segundo lle comentaron dende o centro chegaron con normalidade ó colexio e estaban tranquilos e nas clases.











