O Concello de Ourense participa nun seminario de Educación Vial en Salamanca
A Dirección Xeral de Tráfico celebrará mañá, sábado, día 2 de marzo, na sé do seu Centro Superior de Educación Vial en Salamanca un seminario de expertos. No módulo de discapacidade participará o inspector de Policía Local Máximo Cid Ferro, da asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico P(A)T co proxecto municipal do Concello de Ourense ENTREPARADAS.
Este seminario ao que só se asiste por invitación estará formado por 9 persoas chegadas de diferentes puntos de España: médicos e psicólogos da propia Dirección Xeral de Tráfico, representantes da Confederación nacional de autoescolas, da Asociación síndrome de Down, docentes, ONG para a mellora da calidade de vida e a integración sociolaboral das persoas con discapacidade física e orgánica da Comunidade de Madrid e da Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual.
Entreparadas xa visitou Bruxelas o pasado mes de novembro e exponse agora neste seminario de expertos. Ademais prepara a súa chegada cun produto audiovisual en forma de documental. Producido por Jorge Coira e baixo a dirección de Toño Chouza, Entreparadas é un proxecto de inclusión social que se desenvolveu nos autobuses urbanos da cidade de Ourense en forma de teatro “invisible”. Os protagonistas eran procedentes da diversidade: parálise cerebral, vítimas de accidentes de tráfico, Asociación Española Contra o Cancro, unidade municipal de violencia de xénero e de adultos, inmigrante con discapacidade visual, etc.
A idea deste encontro é chegar a unhas conclusións en relación á discapacidade, accesibilidade e mobilidades segura, coñecerse e intercambiar experiencias, opinións e posibles melloras ao respecto.











