O Concello de Brión convoca a “viaxe da mocidade 2013”, que terá como destino Mallorca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+

O Concello de Brión vén de convocar a súa tradicional Viaxe da Mocidade, que este ano terá como destino Mallorca. Unha viaxe que terá lugar no mes de xullo, concretamente entre o 20 e o 27 de xullo, e na que poderán participar un total de 52 mozos e mozas de Brión, de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.

A novidade fronte a outras viaxes anteriores é que nesta ocasión inclúe unha obrigada travesía en barco, entre Valencia e a capital balear. Unha vez en Mallorca, os mozos e mozas brioneses realizarán distintos percorridos pola xeografía mallorquina, visitando lugares de gran beleza paisaxística e interese histórico. Dende Alcudia, localidade onde se atopa o albergue no que pernoctarán, os mozos desprazaranse pola illa combinando as visitas turísticas coas sesións de sol e praia.

As 52 prazas ofertadas cubriranse por estrita orde de inscrición durante todo o mes de abril na casa da cultura brionesa ou no teléfono 981 50 99 69 (tardes). O prezo da viaxe é de 255 euros, tarifa que inclúe o desprazamento ata Mallorca, estancia eses sete días no albergue a media pensión e a participación nas distintas saídas. Os mozos interesados en participar poden consultar toda a información sobre a viaxe en: excursionmocidadebrion.blogspot.com.

A Viaxe da Mocidade é a continuación dun proxecto que naceu a iniciativa dos participantes no Intercambio con Guillena 2005-2006 e que posteriormente levou aos mozos brioneses a visitar Cantabria, Málaga (2008), Valencia, Guillena, Barcelona e Málaga (2012).

26 de marzo de 2013 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.