O Concello de Ares pon en marcha un proxecto de alfabetización dirixido a maiores de 50 anos
“Eu leo, ti escribes, el conta” é o nome do proxecto de alfabetización que porá en marcha o Concello de Ares entre este mes de marzo e o de xuño para veciños e veciñas de Ares de máis de 50 anos.
Esta iniciativa, que se desenvolverá na sala de estudo da biblioteca municipal, ten como obxectivos principais os de promover o dereito á alfabetización para favorecer o acceso da poboación aos coñecementos da lecto-escritura a través de acción dirixidas a adultos duns 50 anos de idade; mellorar e perfeccionar as competencias lectoras e de escritura en adultos con estas habilidades xa adquiridas; e vencellar, a través da participación social, a axentes do Concello para levar a cabo acción educativas relacionadas coas necesidades de coñecemento da poboación.
Entre as actividades que se realizarán durante estes case catro meses destacan as caligrafías, os dictados, as redaccións, os xogos de palabras, as actividades de comprensión lectora ou as de traballo dos distintos formatos de narración.
O proxecto de alfabetización será impartido por dúas traballadoras do Concello coa capacitación, formación e experiencia neste eido.











