O Concello da Laracha non subirá o imposto de vehículos en 2013
O padrón fiscal de vehículos do Concello da Laracha foi aprobado recentemente e estará en exposición pública ata o vindeiro día 15 de abril tanto nas oficinas do rexistro xeral municipal como na Deputación Provincial da Coruña para que os interesados poidan examinalo e, de ser o caso, formular os recursos que estimen oportunos. Unha vez superado ese prazo, comezaranse a xirar os correspondentes recibos.
Este ano o padrón fiscal consta dun total de 8.206 vehículos de tracción mecánica, rexistrándose un incremento de 115 unidades con respecto ao ano 2012.
O Concello da Laracha decidiu manter a mesma cota para este imposto municipal e tampouco incrementará o IPC, polo que as cantidades a aboar serán idénticas que no pasado exercicio. A cifra total a recadar será de 530.000 euros.
A ordenanza fiscal reguladora deste imposto establece exencións completas para vehículos que sexan uso exclusivo de persoas con mobilidade reducida, así como bonificacións para vehículos históricos (antigüidade mínima de 25 anos) do 100% e tamén do 75% durante os cinco primeiros anos desde a primeira matriculación aos vehículos eléctricos, de biodiésel ou movidos por hidróxeno.











