O Concello conmemora o 96 aniversario do falecemento de Pondal coa plantación dunha árbore

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Discurso de homenaxe

Discurso de homenaxe

O concelleiro de Medio, Enrique Salvador acompañado do acalde de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luis Fondo Aguiar, presentou esta mañá os actos con motivo do 96 aniversario do falecemento do escritor, que terán lugar este sábado 9 de marzo. Enrique Salvador anunciou a plantación dun piñeiro piñoneiro (pinus pinea) nas inmediacións do busto do poeta galego que está nos Xardíns de Méndez Núñez e coa que se quere rememorar a letra “orixinal do himno galego que provén das catro primeiras estrofas das dez que conforman o poema Os Pinos”.

O responsable de Medio informou de que a homenaxe a Eduardo Pondal comezará ás 17.00 horas cunha representación de Rosalía de Castro e de Eduardo Pondal, que correrán a cargo dos actores Tamara Lema e Esteban Rey, respectivamente. A continuación, Alba Costa recitará o poema Polo Baixo cantando ou bo bergantiñán.

Máis de medio centenar de nenos da Fundación Eduardo Pondal asistirán aos actos. A homenaxe finalizará cun percorrido a pé pola ruta pondaliana, dende o busto do poeta galego ata a Praza de María Pita, pasando pola rúa Real. Durante esta ruta, haberá representacións teatrais e actuacións musicais, que rematará coa interpretación do himno galego polo grupo de gaitas Inllar.

O responsable de Medio destacou a importancia de “este coruñés de Ponteceso” e agradeceu á Fundación Eduardo Pondal todo o traballo desenvolvido por expandir a palabra do poeta por toda Galicia e que elixise este ano a cidade coruñesa para a celebración desta homenaxe. Enrique Salvador recordou que Eduardo Pondal é un dos galegos ilustres que repousan no Cemiterio Municipal de San Amaro.

Pola súa banda, José Luis Fondo Aguiar avanzou que a homenaxe deste ano servirá para “quentar motores” de cara a dentro de catro anos cando se celebre o centenario da morte do escritor.

6 de marzo de 2013 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.