O Concello asina co Aldebarán e o San Sadurniño os convenios das escolas deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O Clube de Fútbol sala San Sadurniño recibirá 18.000 euros en tres veces: 9.000 euros á entrada en vigor do convenio, outros 4.500 no mes de xullo e os 4.500 euros restantes a finais de ano, cando presente a documentación xustificativa dos gastos. 

A cambio, o San Sadurniño comprométese a xestionar as escolas deportivas de fútbol durante 10 meses e a manter en bo estado tanto o terreo de xogo como as instalacións dos dous campos que ten cedidos, o de Corrás e o de Santa Mariña. Esta cesión recolle unicamente os labores de conservación diarios, como pode ser a sega dos campos, mentres que aqueles investimentos e reparacións máis custosos serán asumidos polo Concello como propietario das instalacións.

Por outra banda, o Aldebarán de voleibol percibirá 15.000 euros para gastos correntes de funcionamento e para levar adiante as escolas deportivas desta disciplina de grande raigame en San Sadurniño. Igual que no caso anterior, o 50% desta cantidade pagaráselle ao clube trala sinatura do convenio, mentres que os 7.500 euros restantes ingresaranse en dous prazos: o primeiro en xullo e o segundo en decembro cadrando coa xustificación dos gastos. As escolas desenvolveranse durante nove meses e o clube terá un uso prioritario do pavillón polideportivo municipal.

Os convenios asinados coas entidades deportivas supoñen unha achega total de 33.000 euros que, en trazos xerais, irán parar á contratación de monitores, a fichas federativas, a desprazamentos das escolas e aos gastos arbitrais dos encontros que disputen. Porén, os convenios tamén suporán a colaboración entre ambos clubes e o Concello á hora de organizar xornadas e outras actividades relacionadas tanto co fútbol como co volei.

Estes non son os únicos investimentos en deporte e cultura en colaboración coas entidades municipais. De feito, tal e como lembrou o titular de Facenda, Xesús Soto, “San Sadurniño destina a convenios e axudas para cultura e deporte un total de 61.000 euros”. O concelleiro, que ademais é titular de Deportes, sinalou que 20.800 euros van para as entidades asociativas para actividades culturais e deportivas, mentres que os outros 40.200 “forman parte dos convenios que se suscribirán este ano co Aldebarán e o San Sadurniño, pero tamén co clube ciclista Biela e Chaveta, o Clube Fútbol sala Santa Mariña, a ANPA do colexio público e a asociación AGFA do Eume”.

12 de marzo de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.