O Concello aproba a ordenanza supramunicipal de verteduras
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a ordenanza de verteduras que garantirá o correcto funcionamento da nova depuradora de augas residuais de Bens e que ademais servirá de texto marco para os cinco concellos que se encargarán da xestión da infraestrutura (A Coruña, Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo). Na sesión celebrada hoxe tamén concedéronse licenzas urbanísticas por importe de 2,46 millóns de euros, entre as que destacan os permisos para instalar oito ascensores.
ORDENANZA DE VERTEDURAS
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo concelleiro de Medio, Enrique Salvador, destacou que a nova ordenanza supramunicipal de verteduras será o marco que garantirá o correcto funcionamento da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), posto que mellorará a operatividade tanto da rede de saneamento coma da propia instalación de Bens.
Fernández Prado explicou que o acordo adoptado hoxe é un paso máis tras a reunión mantida hai dúas semanas polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, cos outros catro concellos (Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros) que tamén forman parte da sociedade que se encargará da xestión da depuradora. “Avanzamos no noso obxectivo de pechar o ciclo integral da auga, pois o saneamento era outra das materias pendentes que nos deixaron,” afirmou o tenente de alcalde.
A nova ordenanza supramunicipal -impulsada pola área de Medio coa colaboración de Urbanismo, Infraestruturas, Emalcsa e a Universidade- recolle unhas directrices comúns para os cinco concellos. Fernández Prado explicou que o texto regula as condicións necesarias para a autorización de verteduras ás redes de saneamento públicas. Esta ordenanza persegue tres obxectivos claros para completar o ciclo integral da auga:
– Que non se causen efectos prexudiciais á rede de saneamento e á propia estación depuradora, o que favorecerá o mantemento de toda a infraestrutura.
– Que non se produzan riscos para o persoal que xestiona todo o programa de depuración.
– Que non se alteren os procesos de depuración das augas residuais.
A normativa, que recolle as directrices marcadas pola Xunta, clasifica os usuarios de acordo á actividade que xeran e ás augas residuais que producen, ademais de establecer os valores máximos de vertedura, tanto nun momento puntual coma a nivel medio diario. Fernández Prado afirmou que a ordenanza permite un maior control sobre as verteduras, un obxectivo que se ratifica ao ser un regulamento de carácter supramunicipal. Os cinco concellos tamén deberán dispoñer dunha planificación e un deseño de redes separativas (residuais e pluviais) para acabar de completar o proceso.
A nova ordenanza, que agora se enviará a Augas de Galicia con carácter previo á súa aprobación definitiva, é un exemplo máis da boa predisposición de todos os concellos de traballar na mesma dirección para que a EDAR de Bens se converta en referente ambiental na bisbarra e mellore a calidade de vida e a prestación dos servizos que se ofrecen aos cidadáns. Custou case 130 millóns -financiados nun 85% pola Unión Europea, a través dos Fondos de Cohesión, e o 15% restante pola Xunta-, cunha superficie construída que supera os 60.000 metros cadrados. A depuradora está preparada para o tratamento das augas residuais de 450.000 habitantes, aínda que se pode aumentar a súa capacidade e dar servizo a 600.000 persoas.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 2,46 millóns de euros, o que eleva a cantidade final dende o inicio do mandato ata os 209,67 millóns -só nas sesións celebradas este ano supéranse os 34,76 millóns-.
Entre os expedientes tramitados, Fernández Prado destacou que a maior parte se corresponden coas políticas municipais de recuperación e mellora do patrimonio, o que tamén permitirá a xeración de emprego. Así, na Xunta de Goberno desta mañá autorizouse a instalación de ascensores en oito inmobles (rúas Vereda da Polvoreira, Andrés Gaos, San Isidoro, Médico Rodríguez, Pla e Cancela, Barcelona, Matadoiro e Comercial Hércules); para substituír outros dous nun inmoble da avenida de Finisterre; e para eliminar as barreiras arquitectónicas dun portal de Casanova de Eirís, o que facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida.
Dentro do compromiso do Goberno local de fomentar a reciclaxe urbana, concedeuse unha subvención de 104.296 euros para a rehabilitación de elementos comúns no número 8 da rúa Cangas de Morrazo. O inmoble, de 12 vivendas, encóntrase dentro da Área de Rehabilitación Integral de
Os Mariñeiros, polo que a comunidade de propietarios puido optar ao 80% do presuposto de execución da obra.
HERDANZA URBANÍSTICA
O Concello da Coruña logrou desbloquear unha herdanza urbanística máis que deixaron sen resolver os anteriores equipos de goberno e que provocaron ademais o pagamento dunha indemnización por reclamación patrimonial á inmobiliaria Coprosal. Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a licenza para o proxecto reformado e de execución do inmoble, que se levantará na rúa Almirante Romay.
En decembro de 2011, o Executivo municipal xa se viu obrigado a reservar 318.974 euros para esta reclamación patrimonial urbanística, orixinada en 2002 cando o Goberno local vendeu a unha empresa un soar na zona de San Roque de Afuera para construír e no que unha parte do terreo estaba afectada por un colector de saneamento, cuxa existencia se omitiu na alienación dos terreos.
O proxecto urbanístico naceu en 2002 coa venda do terreo durante a etapa de Salvador Fernández Moreda como concelleiro de Urbanismo. En 2008, tras aparecer o colector, iniciouse un expediente de responsabilidade patrimonial -con Mar Barcón como responsable de Urbanismo-; e en 2010, na etapa do bipartito, asinouse o acordo indemnizatorio, pero non se chegou a resolver o expediente.
Agora, a Xunta de Goberno local autorizou a modificación da licenza concedida en 2008. O principal cambio é a liberación do terreo afectado polo paso deste colector. O novo proxecto, que redistribúe as plantas e redeseñar a fachada, inclúe un garaxe de 20 prazas e un edificio de sete plantas e baixo cuberta para un total de 23 vivendas.
EMPREGO
A Xunta de Goberno, tal e como xa informou onte o tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, aprobou as axudas do programa de accións formativas e práctica profesional. En total, organízanse tres itinerarios de 900 horas cada un para 45 alumnos -é dicir, 15 por curso-:
– Operacións básicas de viverismo, técnica hidropónica, arquitectura bioclimática e xardinaría vertical.
– Instalación de elementos de carpintaría interior e exterior.
– Pintura de edificios. Aplicación de estucados en rehabilitación de vivendas.
Este programa municipal busca adaptar o perfil profesional dos alumnos ás demandas reais de emprego na cidade e diríxese sobre todo a desempregados de longa duración. Os alumnos, que deberán estar inscritos como demandantes de axudas no Servizo Municipal de Emprego, percibirán 15 euros por cada día lectivo de asistencia e ata un máximo de 300 euros mensuais. Así, o presuposto final do proxecto é de 203.225 euros, dos que 99.225 euros se destinan a bolsas e o resto a material e organización dos cursos.
FÁBRICA DE TABACOS
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas aproveitou para informar doutro asunto á marxe da Xunta de Goberno pero que se converterá nun dos proxectos estrela dos próximos anos na cidade. Fernández Prado destacou que a Xunta presentou a solicitude para a licenza de rehabilitación da Fábrica de Tabacos.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tal e como anunciara o alcalde, Carlos Negreira, presentou o proxecto definitivo para a rehabilitación do edificio, que se destinará a usos xudiciais. O Concello remitiu o informe á Dirección Xeral de Patrimonio -posto que a Fábrica de Tabacos é un inmoble protexido-, un requisito indispensable para a continuación conceder a licenza de obra.
A rehabilitación de Tabacos responde unha demanda histórica dos coruñeses e do sector da xustiza e, cun investimento de 20 millóns de euros, supón alcanzar un triplo obxectivo:
Recuperar un edificio emblemático.
. Afianzar A Coruña como capital xudicial de Galicia.
. Impulsar a actividade económica no barrio de Catro Camiños.











