O Concello abre o 3 de abril o proceso de admisión de alumnos nas escolas infantís municipais
O Concello, a través da Concellaría de Educación, anuncia que o próximo 3 de abril se abrirá o prazo de admisión na Rede de Escolas Infantís Municipais, que conta con 640 prazas para o curso 2013-2014 nos sete centros educativos de atención á primeira infancia (nenos e nenas de 0 a 3 anos).
O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, destacou a calidade das escolas infantís municipais, onde o proceso de admisión arranca o 3 de abril coa apertura do prazo de ingreso. As familias dos solicitantes nacidos nos anos 2011 e 2012 poderán formalizar a súa solicitude ata o 19 de abril, mentres que os nacidos este ano terán de prazo ata o 3 de xuño, sempre que cumprisen os tres meses de idade na data de inicio do curso, fixado para o 3 de setembro.
Francisco Mourelo informou de que a rede de escolas infantís de titularidade municipal conta con sete centros para nenos de 0 a 3 anos: A Bucina, Arela, Carricanta, Os Rosales, Luis Seoane, Monte Alto e Os Cativos. Para o próximo curso, ofértanse 640 prazas e mantéñense as tarifas actuais: 116 euros mensuais para a tarifa xeral (familias con ingresos netos per cápita superiores a 4.377,01 euros ao ano); 49 euros para a tarifa A (familias con ingresos netos per cápita inferiores a 2.923 euros) e 79 euros para a tarifa B (familias con ingresos netos per cápita entre 2.923,01 e 4.377 euros).
O Concello da Coruña, por medio do Servizo Municipal de Educación, coordina e financia estes centros, que están xestionados en réxime de concesión administrativa por empresas seleccionadas a partir de procedementos públicos de contratación. O Goberno local reafirmou en 2013 a súa aposta por un sistema educativo de calidade, pois nos presupostos se incrementan nun 16,6% as partidas dirixidas ás escolas infantís municipais (EIM) e proxectos de mellora e acondicionamento dos centros educativos. En total, son 2,1 millóns de euros, é dicir, 300.984 euros máis que en 2012.
Nestes sete centros escolares traballan un total de 96 persoas, dos que 72 son docentes e outros 24 compoñen o persoal de servizos. Tal e como destacou Francisco Mourelo, a Rede de Escolas Infantís Municipais está integrada por colexios cun persoal moi activo e comprometido na actividade pedagóxica e nos que se desenvolven diferentes proxectos, que se realizan tanto nas aulas coma no ámbito:
– Proxectos de inglés e música, educación vial, alimentación, entre outras materias, ademais de conmemorar datas sinaladas como o Día da Paz.
– Teñen unha participación moi activa en programas educativos ofertados dende o Servizo Municipal de Educación no marco de Coruña Educa:
ou Educa Saúde: programa educativo para fomentar unha conduta saudable dende a infancia e orientado a escolares e as súas familias.
ou Rutas urbanas animadas: programa educativo que establece percorridos a pé co fin de que coñezan a súa cidade e adquiran valores e actitudes cívicas.
ou Certame de teatro escolar onde se preparan e ensaian obras cos alumnos e logo se representan noutros centros e nunha gala final no Teatro Rosalía Castro.
O concelleiro de Educación destacou que durante o curso pasado (2011-2012) as escolas infantís municipais participaron e recibiron premios nacionais no campo da innovación educativa:
– As escolas infantís de Monte Alto, Os Cativos e Carricanta, en colaboración co instituto de Educación Secundaria (IES) Ánxel Casal, presentaron o proxecto O Ritmo do Son ao programa Ciencia en Acción XIII, obtendo o primeiro premio na categoría de Ciencia e Tecnoloxía. Trátase dun programa organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e polo Instituto das Ciencias Matemáticas, entre outras institucións de ámbito nacional.
– A escola infantil Carricanta obtivo unha mención especial no premio á Acción Maxistral polo proxecto Con moitas mans faremos un mundo de cor, outorgado pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), UNESCO e BBVA.











