O Complexo Deportivo de Carral aumenta o seu equipamento e a súa oferta deportiva
Nestes primeiros meses do ano o complexo deportivo de Carral sufriu un significativo aumento no número de socios. Isto provocou que a determinadas horas do día, o equipamento existente non fose suficiente para cubrir o exceso de demanda. Por iso, o concello de Carral, xestionou a compra de equipamento deportivo necesario que permitise cubrir esta nova demanda. Así, a través dunha subvención de 8.069 € da Deputación da Coruña, o ente municipal adquiriu unha fita de correr (BH LK6000), unha bicicleta estática (BH LK7000), un remo (Mistral R581) e un banco abatible para traballo muscular. Este novo equipamento vén a completar o xa existente, de forma que no apartado de traballo cardiovascular, o ximnasio conta xa con 4 fitas de correr, 3 bicicletas estáticas, 2 remos e 2 elípticas de paso variable. Ademais do exposto o ximnasio conta tamén cunha zona de tonificación muscular específica, unha zona de peso libre e musculación, outro apartado de estiramentos e relaxación e unha sala de actividades.
Cursos de natación para bebés e de Pilates
Por outra parte, dende o 16 de marzo impartiranse cursos de Natación para Bebés, na piscina climatizada, e Pilates, na sala de actividades do Complexo.
Os cursos de Natación para Bebés impártense en módulos de dous meses de duración, con dúas horas por semana. Para poder atender a todos os interesados o Concello ofertou cinco grupos con diferentes horarios. O primeiro grupo levarase a cabo os mércores e venres de 16.45 a 17.30 h, o segundo os mesmos días pero de 17.30 a 18.15 h, e o terceiro, tamén mércores e venres de 18.15 a 19.00 h. Os sábados levaranse a cabo os outros dous grupos, que teñen unha carga horaria dunha hora semanal. Así, o cuarto grupo impartirase os sábados de 11.00 a 11.45 h, e o grupo cinco, a continuación, de 12.00 a 12.45 h. En canto ao prezo desta actividade, para os grupos 1, 2 e 3 é de 28 € (os dous meses) para subscritores ao Complexo Deportivo, e de 40 € (os dous meses) para os non aboados. Para o cuarto e quinto grupo o prezo redúcese á metade en cada unha das opcións.
En canto á actividade de Pilates, no termo municipal existe unha gran demanda con máis de 70 preinscritos e impartirase en módulos de dous meses de duración. Para poder atender a todos os interesados neste primeiro módulo ofertáronse 4 grupos con diferentes horarios e unha carga de dúas horas semanais. No primeiro grupo poderán anotarse aqueles que prefiren a primeira hora da tarde para facer deporte, sendo as clases os luns e mércores de 17.15 a 18.15 h. O segundo grupo levarase a cabo a media tarde, os luns e mércores de 19.30 a 20.30 h. O terceiro grupo está pensado para acoller a aqueles que só dispoñen da última hora do día, quedando as clases os martes e xoves de 20.30 a 21.30 h. Por último, aqueles que por razóns laborais non poidan acudir antes, os luns e os mércores, de 21.30 a 22.30 h impartiranse as clases para o cuarto e último grupo. En canto ao prezo desta actividade é de 18 € (os dous meses) para os subscritores ao Complexo Deportivo e de 38 € (os dous meses) para os non aboados.
Clases de tonificación para socios
Ademais dos anteriores cursos, o complexo deportivo oferta para todos os socios clases de tonificación que se impartirá de luns a venres entre as 10.30 e as 11.30 h. A estas clases poden asistir de forma totalmente gratuíta todos os socios/ás do complexo, segundo o nivel de actividade que desexen; así aqueles socios que queiran queimar rapidamente os quilos gañados, poderán acudir os luns, mércores e venres. Por outro lado aqueles que prefiran unha actividade máis pausada, acudirán os martes e os xoves.
Os monitores que impartirán todas estas actividades son especialistas e con ampla experiencia nestes ámbitos docentes. Os obxectivos que persegue o Concello de Carral con estas actividades son os de fomentar o deporte saudable en todos os rangos de idade como unha forma de aproveitamento do tempo de ocio.
Para todos aqueles interesados aínda se poden anotar ou informarse no Centro Deportivo, no tlfo. 981.67.25.80 ou no correo electrónico deportes@concellocarral.com.











