O comité de empresa de Alvedro apoia a chegada de Air Europa en xuño

Luisa CId co comité de empresa
O tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, reuniuse esta tarde co presidente e secretario do Comité de Empresa de Alvedro, Justo Pérez e Carlos Somoza. Cid trasladoulles a aposta firme do Goberno local polo aeroporto, confirmándoos a chegada da compañía Air Europa no mes de xuño. Ademais, o tenente de alcalde tamén lles informou de que o Consorcio de Turismo deu luz verde á firma de convenios de colaboración con outras compañías aéreas para a promoción e patrocinio da Coruña como destino turístico, co beneficio que isto supoñerá para a infraestrutura. Os representantes do comité, que mostraron o seu apoio ao goberno local e a súa disposición a traballar en conxunto polo futuro de Alvedro, coincidiron en que a conectividade cos principais aeroportos nacionais e internacionais eran prioritarios para o desenvolvemento do noso aeroporto.
Os representantes do comité mostraron a súa satisfacción polo feito de que a compañía Air Europa comece a operar no aeroporto tanto pola xeración de preto dun centenar de postos de traballo que isto implica coma polo volume de pasaxeiros, uns 250.000, que se moverán anualmente.
Con esta iniciativa o Goberno local asume o liderado e a responsabilidade de garantir a conectividade do aeroporto de Alvedro con diversos destinos tanto nacionais coma internacionais. Cid explicou aos represntantes do Comité que dende o Concello se aposta por potenciar Alvedro nun momento complicado, dando un paso á fronte para continuar liderando o motor económico de Galicia e facilitar as posibilidades de negocio e a xeración de emprego que o bo funcionamento do aeroporto leva consigo.
Mellora da conectividade
O convenio que se asinará con Globalia mellorará substancialmente a conectividade da Coruña e a súa área metropolitana, xa que dará posibilidade de enlazar cos máis de 1.000 destinos nacionais, internacionais e intercontinentais grazas ao liderado que o grupo exerce dentro da alianza Skyteam a través da súa compañía Air Europa.
Por outra parte, a firma do convenio con Globalia implica unha importante operación comercial para a venda do destino A Coruña, xa que o grupo dispón de máis de 1.000 axencias minoristas e unha grande estrutura almacenista que traballará na promoción turística e empresarial da Coruña.
Coa firma deste e outros convenios o equipo de goberno reafirma a súa aposta por Alvedro como infraestrutura clave, investindo recursos económicos e traballando de forma constante para o seu defensa e mellora.











