O Coliseo ofrecerá no primeiro semestre as tres xiras españolas de maior convocatoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+
Presentación do concerto

Presentación do concerto

A Tenente de Alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañado polos responsables de Sweet Nocturna, asegurou esta mañá que o Coliseo acollerá neste primeiro semestre as tres xiras españolas de maior convocatoria nestes momentos. Ao concerto de Melendi, que esgotou as entradas para o próximo 13 de abril; e ao de Alejandro Sanz o 15 de xuño, que marcha a bo ritmo de venda; únese o que Pablo Alborán ofrecerá no Coliseo o próximo 6 de xullo dentro da súa nova xira española 2013. Os traballos destes tres artistas encóntranse entre os cinco máis vendidos, actualmente, en España.

Fernández referiuse ao concerto de Pablo Alborán: “Os coruñeses e todos os que desexen achegarse á nosa cidade poderán gozar do que, sen dúbida, é o artista do momento no noso país”, asegurou a responsable de Cultura e continuou: “Un artista de récord que, con tan só 23 anos e dous no panorama musical, conseguiu 23 discos de platino e 82 semanas no número 1, sumando os resultados de España e Portugal. Ademais foi o artista que máis discos vendeu no noso país durante dous anos consecutivos 2011 e 2012, un feito histórico e único na música española,”. A concelleira asegurou que o artista é unha aposta segura “que será do agrado do público, xa que á súa faceta artística se une a súa carima,”.

Fernández explicou que Pablo Alborán presentará o seu último traballo Tanto, un disco con 11 novas cancións “máis enérxico e rítmico que os anteriores”. O concerto enmárcase dentro da xira española 2013 que o artista celebra en recintos de grande aforamento.

A concelleira destacou a traxectoria do artista malagueño: “Dende o seu primeiro traballo en 2010, publicou un total de 3 discos e con este último leva 14 semanas no número 1 dos máis vendidos”, explicou e engadiu: “A pesar da súa curta traxectoria, xa recibiu diversos recoñecementos, os últimos no noso país, os Premios 40 Principais 2012 a mellor artista e mellor canción; e en Chile levouse todos os galardóns posible do Festival Viña do Mar, conviertiéndose no gran triunfador desta edición,”.

Segundo informou a concelleira, o Coliseo abrirá as súas portas ás 22.00 horas e as entradas poñeranse á venda o luns 11 de marzo a través das canles habituais (despacho da praza de Ourense, Servinova e Ticketmaster) a un prezo que oscila entre os 20 e os 32 euros.

Pola súa banda Raquel Seijo, de Sweet Nocturna, destacou que 2013 é a xira de consolidación de Pablo Alborán, un artista que xa visitou a nosa cidade con grande éxito, e que o da Coruña será o seu único concerto en Galicia.

7 de marzo de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.