O CIM Ortigueira busca mañá espertar vocacións emprendedoras co “Ciclo Muller e emprego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O CIM de Ortigueira celebra mañá a segunda edición de “Muller e emprego”, centrado nesta ocasión no emprendimiento feminino. A idea central da xornada, parte das actividades deseñadas por Benestar Social para conmemorar o Día Internacional da Muller, é favorecer o intercambio de información e experiencias entre emprendedoras da zona e veciñas interesadas no autoemprego como saída laboral.

Deste modo, o momento culmen da xornada, que arrancará ás 18 horas no centro social de Ortigueira, chegará da man de Ana Docanto (Conservas Amieiro en Cariño) e Mónica Muíño (centro de fisioterapia e rehabilitación Fisio- che ben, en San Sadurniño), emprendedoras da bisbarra que transmitirán as súas vivencias e coñecementos ás asistentas que terán deste modo unha visión próxima das dificultades e vantaxes asociadas ao autoemprego.

A iniciativa completarase cunha charla sobre motivación ao emprendimiento e con información, da man do axente de desenvolvemento local e técnico de emprego de Ortigueira, Francisco Fernández Carreja, sobre as axudas que prestan as distintas administracións á hora de poñer en marcha novos proxectos empresariais.

O ciclo de charlas, co que o CIM do Concello de Ortigueira busca visibilizar as mulleres no mundo do autoemprego e fomentar vocacións emprendedoras, desenvólvese coa colaboración dos concellos de Cariño e Mañón.

En axenda: “Programa de difusión cultural Semana Santa 2013”

– Xoves 21 de marzo, a partir das 20:00 horas no Teatro de Beneficencia. Conferencia: “Historia da Semana Santa”, a cargo de Juan Esteban Díaz, delegado episcopal de Confrarías penitenciais.
A continuación, concerto do Coro da Escola de Música e Coro de Espasante.

– Venres 22 de marzo, a partir das 20:00 horas no Teatro de Beneficencia. Conferencia: “Fe cristiá e relixiosidade popular”, a cargo de Segundo L. Pérez López, deán da catedral de Santiago de Compostela.
A continuación, concerto da Coral Polifónica de Ortigueira.

19 de marzo de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.