O CIM organiza o próximo mércores unha xornada para potenciar o emprendimiento feminino
O CIM de Ortigueira pon en marcha o mércores 20 de marzo a segunda edición do ciclo “Muller e emprego”, organizado no marco das actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller. Nesta ocasión, a xornada, para a que se abre o prazo de inscrición, centrarase no emprendimiento feminino.
A iniciativa busca fomentar entre as veciñas a vocación emprendedora no ámbito local e divulgar as axudas que as distintas administracións ofrecen aos que se aventuran a montar o seu propio negocio no municipio ou no resto da bisbarra de Ortegal.
A diferenza do ano anterior, “Muller e emprego” aposta por un formato expreso (apenas media xornada de duración, pois arrancará ás 18 horas) no que terán cabida técnicos especialistas e mulleres que decidiron seguir o seu propio camiño, poñer en marcha os seus propios proxectos empresariais e mostrar a súa competitividade.
Neste sentido, contarán a súa experiencia como emprendedoras Ana Docanto (Conservas Amieiro en Cariño) e Mónica Muíño (centro de fisioterapia e rehabilitación Fisio- che ben, en San Sadurniño), testemuños que contribuirán a eliminar barreiras que aínda lastran a capacidade emprendedora doutras mulleres e a alentar o desenvolvemento de novas posibilidades de traballo no territorio.
Completarán a sesión divulgativa o relatorio sobre asociacionismo e motivación ao emprendimiento, a cargo de Asociación de Novos Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e a intervención do axente de desenvolvemento local e técnico de emprego do Concello de Ortigueira, Francisco Fernández Carreja, que informará sobre as novas liñas de axuda existentes para autónomos e para a creación de empresas.
O ciclo de charlas, organizado polo CIM ortegano, coa cooperación dos veciños municipios de Cariño e Mañón, desenvolverase no centro social de Ortigueira e será totalmente gratuíto. A Concellaría de Benestar Social solicita ás persoas interesadas en asistir á xornada que se inscriban no teléfono 981402542.
“Muller e emprego” ideouse o pasado ano, tamén coincidindo co Día da Muller Traballadora, como resposta ao crecemento díese experimentada no número de consultas sobre formación cualificada e emprego que formulan as usuarias do Centro de Información á Muller, especialmente as últimas en darse de alta no servizo, mulleres dos concellos de Ortigueira, Cariño ou Mañón con idades comprendidas entre os 18 e os 36 anos.











