O Certame “Tapéate Ferrol” remata o vindeiro domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O certame “Tapéate Ferrol” promovido polo Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo que dirixe Diego Calvo, e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca finaliza este domingo día 24. Os 42 establecementos hostaleiros situados en diferentes puntos da cidade ofrecen aos seus clientes degustacións a un prezo de dous euros, consumición non engadida. Compre recordar que os días nos que se realiza este concurso son o xoves, venres, sábado e domingo.

Así as cousas, mañá xoves, día 21, a partir das 19.00 horas, un xurado de expertos visitará os dez establecementos finalistas deste certame, que son aqueles cuxas tapas recibiron máis votos dos clientes. Estes poderán seguir participando en “Tapéate Ferrol” para optar a algún dos premios que se sortean: un paquete para dúas persoas nun aloxamento rural en Monfero –inclúe noite con almorzo e aluguer das bicicletas eléctricas nas Fragas do Eume-; un paquete turístico denominado “En tren polo Norte”, consistente en estancia de dúas noites no hotel da natureza Vía Láctea –inclúe almorzo e unha ruta guiada polos cantís de Loiba, a chamada “ruta das algas” e a baixada en kayac ou zodiac pola ría do Barqueiro-.

O xurado de expertos está formado polo escritor gastronómico Miguel Vila e Alfonso González Pendás, de Casa Pendás; e polo xornalista Pepe Varela. Este concederá o Premio Especial do Xurado, consistente en 600 euros en metálico. Os tres primeiros premios do certame os outorgarán os propios clientes, terán unha dotación de 400 euros – o primeiro-; 300 euros – para o segundo-; e 200 euros -para o terceiro-.

O obxectivo da iniciativa “Tapéate Ferrol” é contribuír a dinamizar o sector hostaleiro e os barrios da cidade. Os locais participantes localízanse principalmente nos barrios da Magdalena, Ferrol Vello, Esteiro, Ultramar e estrada de Catabois, aínda que tamén algúns están situados noutros puntos da cidade. Os negocios están identificados co logotipo do certame.

20 de marzo de 2013 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.