O centro sociocultural de San Adrián volve e dispoñer dende hoxe de servizo de cafetaría
A Concellaría de Participación Social informa de que esta mesma tarde se abre ao público a cafetaría do centro social de San Adrián. A parroquia recupera este servizo despois de meses de inactividade por falta dun xestor que se ocupase da xestión e mantemento do local municipal.
Os veciños/ás de San Adrián recuperan un dos servizos centrais do seu moderno centro social. Polo tanto, as instalacións verán reforzada a súa actividade, limitada nos últimos tempos aos distintos talleres sociocomunitarios semanais que organiza o concello e ás actividades que con regularidade poidan desenvolver as asociacións da parroquia, sinaladamente a Asociación de Veciños, a Comunidade de Montes e Troula de Ortegal.
Despois dun primeiro proceso de licitación- xuño do 2012- que quedou deserto, o concello licitaba o pasado mes de xaneiro por segunda vez o servizo de xestión, explotación e mantemento da cafetaría, esta vez cun resultado frutífero, o que facilitará que este equipamento de proximidade municipal volva funcionar a pleno rendemento.
As dependencias dispoñen agora dunha persoa que asume a xestión, que será quen se ocupe de explotar o negocio hostaleiro, colaborando co concello nos gastos xerais do centro, ademais de ocuparse da limpeza e mantemento do conxunto do edificio e o espazo de uso público que o rodea.
Apuntan dende a casa do concello que a cafetaría abrirá de luns a domingo de 10 a 22 horas, de xeito continuado, mellorando así notablemente as condicións de funcionamento que o servizo tivo durante a súa primeira etapa.
O de San Adrián é un dos centros máis modernos da rede municipal de servizos sociais. Inaugurado a finais do ano 2006, o inmoble dispón de cafetaría, diversas salas multifuncionais, despachos e un salón de actos para 130 persoas.











