O Centro Social de Barrantes acolle unha charla informativa sobre aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O xoves 21 de marzo celebrarase no CEPI Julia Becerra Malvar e no Centro Social de Barrantes sendas charlas formativas sobre aforro enerxético e eficiencia enerxética. Trátase dunha campaña de divulgación sobre recursos enerxéticos para escolares e adultos que poñen en marcha a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ribadumia coa colaboración do CPI Julia Becerra Malvar e da Asociación de Mulleres Rurais Umia. O obxectivo é ofrecer información básica que permita racionalizar as actuacións no fogar e diminuír a dependencia enerxética, así como valorar as consecuencias que ten sobre o medio.

As charlas para os estudantes, que se desenvolverán o xoves no propio centro escolar, amosarán diversos aspectos da relación entre a enerxía e o medio ambiente baixo o enfoque da sustentabilidade; e trataranse temas como as enerxías renovables, o aforro de enerxía no fogar e no colexio e as prácticas enerxéticas sostibles e  responsables. Nas charlas tratarase de animar á mocidade a ter un compromiso real co aforro de enerxía e o coidado do medio ambiente.

Xa pola tarde, a campaña de divulgación continuará no Centro Social de Barrantes, ás 19.00 horas, e estará destinada para usuarios e consumidores adultos. Trasladaránselles aspectos claves sobre o sistema enerxético e a sustentabilidade, centrándose na comprensión das facturas enerxéticas, as distintas tarifas e modalidades de consumo. Esta charla terá unha compoñente eminentemente práctica analizando os distintos termos dunha factura eléctrica doméstica, o xeito de facer reclamacións e aconsellando hábitos para lograr a eficiencia e a redución do consumo.

19 de marzo de 2013 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.