O Castelo da Concepción de Cedeira abre as súas portas ao público dende mañá
O Castelo da Concepción abrirá as súas portas ao público durante esta Semana Santa. E farao dende mañá martes e ata o próximo domingo, día 31.
Segundo informou o Concello de Cedeira, veciños e visitantes poderán visitar a fortificación en horario de mañá (de 11,30 a 14 horas) e de tarde (de 17 a 20 horas). Así mesmo, as persoas interesadas en descubrir a fortaleza terán á súa disposición un guía turístico que lles dará conta da súa historia.
O Castelo da Concepción sitúase na zona portuaria. É unha obra militar de carácter defensivo que, alzada sobre un promontorio, data do ano 1747. Foi construído en parte dun territorio que algún día foi castro e, deste primitivo asentamento, son aínda ben visibles dous amplos fosos. A súa construción nace da necesidade que Cedeira, vila e porto marítimo a un tempo, tiña de defenderse de posibles atacantes que chegaban por mar. Os planos antigos que se custodian a día de hoxe nos arquivos militares permiten saber o destino que se lle deu a cada unha das dependencias das que consta o edificio: cociña, cuarto para o oficial, cuartel
de gornición, cuarto para equipamento de artillaría e sala de pólvora. Conta tamén con garita para a sentinela e troneiras para asomar os canóns que aínda hoxe en día se conservan.
Os visitantes poden coñecer a súa historia a través do centro de interpretación que alberga no seu interior.











