O arquivo histórico municipal de Cambados vaise trasladar a vindeira semana a Exposalnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal
A-
A+

A vindeira semana vaise iniciar o traslado do arquivo histórico municipal, actualmente gardado no baixo do edificio multiusos da rúa Ourense, ás renovadas dependencias de Exposalnés, no paseo da Calzada, onde xa se estableceu a oficina de información e turismo.

A documentación histórica de Cambados vaise instalar no primeiro andar da edificación, recén revertida pola Xunta de Galicia ó patrimonio do Concello, onde se atopa unha pequena exposición da xeografía e historia social da comarca do Salnés. Nesta sala os visitantes poden facerse unha composición de lugar respecto da situación xeográfica, así como das características económicas e sociais da nosa comarca. Tamén está previsto ubicar nesta zona o legado que a familia Cabanillas quere doar ó Concello, integrado por documentos, cartas, obxectos persoais e decorativos, que pertenceron ó gran poeta cambadés.

Pola sua importancia, nos fondos do arquivo histórico compre salientar os libros de actas dos diferentes órganos de goberno e comisións dende 1837 malia que non todos están ben conservados e existen certas perdas irreparables. Pódese destacar a serie completa de quintas dende 1840 ou dos presupostos ordinarios do Concello con referentes documentais dende 1850, así como as referidas a censo de poboación, dende 1917,  e a festas populares, dende 1963.

En sucesivas actuacións e de organización e descrición dos fondos documentais conservados no arquivo xeral municipal, inventariáronse máis de 3.000 unidades de arquivadores, con testemuñas documentais dende 1837. A meirande parte da documentación corresponde ó Século XX e ás seccións de Servizos e Facenda.

27 de marzo de 2013 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.