O ámbito dos ríos Loio e Ruxidoira é declarado espazo natural de interese local
O Conselo da Xunta acaba de declarar o espazo Loio-Ruxidoira como Espazo Natural de Interese Local, tal e como se recolle no DOG n.º 38 do 22 de febreiro de 2013. Este ENIL é o primeiro da provincia de Lugo e o segundo de Galicia despois da marisma de Xunqueira de Alba (Pontevedra). Ten unha superficie de 437 hectáreas que se localizan nas parroquias de Loio, Castro San Martiño, Cortes, Castro (San Mamede), Laxe, Suar, San Miguel, Vilaragunte, Francos, Barán e Ferreiros.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define os espazos naturais de interese local como lugares singulares que merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais. O interese do espazo Loio-Ruxidoira radica na gran diversidade de especies que habitan un bosque de ribeira extenso e en bo estado de conservación que se alterna con amplas áreas de carballos e castiñeiros. Hai estudos que sinalan ata 22 especies protexidas por algunha Directiva Europea, entre as que destacan varias especies endémicas de Galicia e da Península Ibérica. Neste lugar non só podemos ver bidueiros, ameneiros ou salgueiros, tamén podemos encontrar carballos e castiñeiros centenarios. Este tipo de bosques teñen un microclima que favorece a existencia dunha ampla variedade de especies de fauna e flora, no ámbito do río poderemos encontrar, entre outras moitas especies: ourizos, píntegas, tritóns ibéricos, ras verdes, lagartas galegas, lagartas ibéricas, encanceres, toupas ibéricas, musarañas bicolor, morcegos, armiños, denociñas, nutrias…etc. Tamén poderemos ver numerosas aves como rateiros, aguiachos pálidos, falcóns europeos, lagarteiros, paspallás, rulas, cucos, labercas, paporrubios, reiseñores, bufos chicos…etc. e algún que outro raposo, corzo, xabaril ou gato montés.
Ademais, neste territorio hai abundante patrimonio histórico-etnográfico. No sendeiro PRG-14 que atravesa o ENIL podemos ver varios muíños, entre eles destaca o muíño da Retorta que se acaba de restaurar. Tamén están documentados varios mosteiros na idade media. De Sta. María de Loio, lugar no que se funda a Orde dos Cabaleiros a Santiago, aínda se poden ver algúns restos entre matogueiras de acivros, de novo unha especie en perigo de extinción e catalogada como especie protexida.