O alcalde inaugura unha nova fase do Parque Fluvial da Xunqueira
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, foi o encargado de inaugurar esta mañá, xunto co resto de integrantes do grupo de goberno, un novo tramo do parque fluvial da Xunqueira, neste caso o correspondente á zona que vai dar a Pedrós. No acto tamén estiveron presentes membros da familia que cedeu os terreos sobre os que se executou dita intervención, que precisamente leva o seu nome: “Cruce dos Curbeira. A nosa historia”.
Esta obra supuxo un investimento de 39.915,16 euros, unha partida da que o 80%, é dicir, 31.932,13, foi aportada pola Consellería de Presidencia a través dunha achega previamente solicitada polo Concello, nomeadamente polo Fondo de Compensación Ambiental.
A actuación consistiu na limpeza e desbroce de dito tramo -cunha extensión de 95 metros-, a execución dunha senda de madeira tratatada sobre pilotes e a construcción dun observatorio de aves. De feito, o obxecto do proxecto non era outro que o de acondicionar o tramo situado no ámbito do ría Xunqueira para continuar o sendeiro que percorre dito parque fluvial e que xa fora executado previamente noutras fases, aumentando, deste xeito, o seu percorrido e contribuíndo á súa revalorización.
Con este tramo ponse fin ao executado anteriormente polo goberno que dirixe o socialista Julio Iglesias (o denominado “Miradoiro do Adolfo”), na parte coñecida como “ventá do humidal”, que se corresponde cun espazo que ofrece unhas panorámicas de grande beleza do propio entorno.
O observatorio de aves que incluía o proxecto, ademais, permitirá posibilitar o coñecemento da fauna por parte da poboación, que tamén disfrutará neste espazo de acceso ao parque fluvial dende o camiño de Pedrós da flora e a magnífica paisaxe que ofrece.











