O Alcalde destaca o esforzo colectivo na promoción de políticas activas de emprego

Negreira xunto a Beatriz Mato
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira acompañado da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou esta mañá o Taller de Medio e o Programa Integrado Posto a Puesto, no Centro Municipal de Emprego. No primeiro, participan 30 alumnos na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e en interpretación ambiental; e, no segundo, 120 persoas, ás que se lles ofrecen itinerarios personalizados de inserción que inclúen formación, orientación laboral e prácticas profesionais.
O Alcalde destacou que con estes programas se busca “poñer en valor cada persoa, que saiban onde mellorar as súas posibilidades, porque cando hai menos emprego, os que amplían as súas posibilidades ten máis oportunidades”. Neste sentido, animou a todos os alumnos a poñer corazón e paixón nos seus novos retos: “Cando un pon corazón e paixón, non hai barreiras e un proponse o que quere”. A data de hoxe, hai inseridas 60 persoas de ambos os dous plans de emprego.
“O emprego non é o valor dun só, senón que é un esforzo colectivo. Todas as administracións temos que empurrar nesa dirección”, indicou o rexedor. O Alcalde destacou a colaboración entre as administracións e o esforzo da Xunta de Galicia coa cidade que, durante 2013, inviste 11 millóns de euros en políticas activas de emprego: “Un esforzo que esperamos devolver en forma de emprego e desenvolvemento económico”. Neste sentido, recordou que á Coruña representa o 42% de toda a actividade económica de Galicia, de aí que o Goberno local, a través de todas as súas concellarías, estea 100% comprometido coa creación de emprego. “A Coruña é a cidade que máis ten que dicir en Galicia sobre actividade económica, por iso nos envorcamos máis e o noso compromiso é máis forte”, destacou. “Se á nosa cidade lle vai ben -continuou-, iralle ben á súa área metropolitana e a toda Galicia”.











