O alcalde de Ferrol supervisa os traballos de Serantes, Viladóniga-Vilasánchez e Pazos

O rexedor supervisando os traballos
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe a zona de Serantes, Viladóniga-Vilasánchez e Pazos, lugares do municipio onde esta semana arrancou o Plan de Barrios. O primeiro edil da cidade supervisou en persoa o traballo realizado dende o pasado día 1 de marzo polos servizos municipais e empresas concesionarias nestes tres puntos da cidade, acompañado dos concelleiros de Medio Ambiente e Urbanismo e Zona Rural, Guillermo Evia e José Polo así como dos supervisores municipais e de responsables das empresas concesionarias dos servizos públicos contratados pola Administración local.
Tanto en Serantes, como en Viladóniga-Vilasánchez e en Pazos, Rey Varela escoitou as valoracións dos representantes veciñais sobre as tarefas acometidas en cada unha das zonas; e, aproveitando a presenza na visita das concesionarias, trasladou in situ as novas demandas dos residentes para acometelas nunha segunda rolda de intervencións que terá o Plan de Barrios. Reparación de calzadas e beirarrúas, eliminación de fochancas, reposición de luces e melloras no alumeado público, rozas, podas de arborado, tarefas de limpeza viaria, actuacións nas redes de abastecemento e saneamento, intervencións en zonas verdes e en parque infantís, etc., formaron parte do intenso traballo executado a través do Plan de Barrios e co que o goberno municipal dará resposta as demandas e necesidades diarias da cidadanía.
“Este plan é un plus ao traballo diario que veñen facendo as empresas concesionarias e servizos municipais”, indicou o alcalde de Ferrol. “Trátase de que os veciños e veciñas da cidade estean cómodos e a gusto no sitio onde residen”, engadiu. Neste sentido o Rey Varela insistiu en que o Plan de Barrios non supón un incremento do investimento, senón que “permitirá visualizar, grazas a un esforzo de coordinación e planificación intenso, en que se emprega o diñeiro que inviste o Concello de Ferrol; e polo tanto, o dos veciños e veciñas da cidade, en servizos municipais, tanto os que asume directamente a Adminitración local como os que se prestan a través de empresas”, dixo.
Disposición das empresas concesionarias
Ademais, o rexedor ferrolán quixo agradecer de novo a disposición das empresas concesionarias para lograr a coordinación do plan de traballo previsto, e cuxo contido é o resultado dos informes de deficiencias elaborados polos distintos concelleiros de barrio e polos axentes da Policía Local, queixas e suxestións recibidos nas distintas Concellarías e departamentos municipais, propostas veciñais recollidas nas distintas asembleas de barrio e propostas de actuación feitas polos supervisores dos servizos municipais, así como polas empresas concesionarias dos distintos servizos.
“Queremos poñer ao día os nosos barrios e parroquias e facerlles un lavado de cara. O Plan de Barrios é un completo programa de actuación que permite atender as queixas dos veciños, mellorar o funcionamento dos servizos e incrementar a supervisión municipal sobre as distintas zonas da cidade”, insistiu Rey Varela. Así as cousas, a primeira fase deste Plan de Barrios conta cunha planificación que se estende dende o presente mes de marzo até o 31 de xullo. Neste horizonte temporal, actuarase en todos e cada un dos barrios e parroquias da cidade O seguinte barrio que visitará o alcalde de Ferrol para supervisar o traballo das concesionarias será Esteiro.











