O alcalde de Ferrol presidiu os actos institucionais da Irmandade con Mondoñedo e das Pepitas

Rey Varela no acto de irmandade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe os actos institucionais conmemorativos da irmandade co Concello de Mondoñedo e da recepción ás madriñas das rondallas que participan na Noite das Pepitas, que tiveron lugar no Teatro Jofre de Ferrol. O programa do evento comezou coa recepción á Corporación Municipal de Mondoñedo, que estivo encabezada polo seu primeiro tenente de Alcaldía, Modesto Díaz García; así como ás madriñas, presidentes das Rondallas e músicos homenaxeados este ano.
Rey Varela deulle a benvida aos concelleiros de Mondoñedo e demais convidados ao acto á celebración das Pepitas, que denominou “a festa ferrolá por excelencia na que se rende homenaxe á música e á muller e que dende hai case unha década facemos coincidir co acto de irmandade de Ferrol coa vila que veu nacer a Álvaro Cunqueiro”. Ao respecto dos lazos que unen a cidade naval coa de Mondoñedo, institucionalizados dende o ano 2004 co pacto de irmandade, o rexedor ferrolá referiuse aos “fortes lazos de amizade, históricos, culturais e mesmo espirituais e relixosos” que unen aos dous pobos. Nesta liña, Rey Varela avogou pola “posta en marcha de novas vías de colaboración” entre os dous concellos. Así, e ante as dificultades económicas que tamén afectan ás Administracións públicas, o alcalde de Ferrol defendeu que “nunca antes se fixera tan necesario a optimización dos recursos dos que dispoñemos e a cooperación entre institucións”. “Ferroláns e mindonienses, hoxe máis que nunca, temos que nos aproveitar das sinergias que os nosos dous pobos xeran para facer fronte á crise”, engadiu.
“En Ferrol, a festividade das Pepitas, como en Mondoñedo a das San Lucas”, dixo o alcalde, “forma parte da nosa identidade, da nosa razón de ser”. E, ao fío disto, apuntou que “Ferrol non se entendería sen a noite na que se rende hommanaxe ás mulleres, como Mondoñedo non sería quen de ser sen a súa feira na honra de As San Lucas”. Así, Rey Varela lembrou que a tradición das Pepitas remontase segundo os expertos a finais do século XIX, se ben a súa celebración de xeito ininterrumpido data de comezos do século XX. “A tradición das rondallas estivo rodeada de claroscuros até que na década dos 80 renace con forza para chegar aos nosos días”, suliñou.
Homenaxeados
Tras a entrega de regalos entre as corporacións municipais de Ferrol e Mondoñedo, seguiu a homanaxe ás persoas relacionadas coa tradicional Festa das Pepitas. Este ano, o Concello de Ferrol e as propias agrupacións de rondallas recoñeceron a trayectoria do músico Antonio Illobre Toimil. Así mesmo, o Concello decidiu designar Rondallistas de Honra a Jose Enrique Pita Martiño, Roberto López Fraguela e Javier Fernández Manso. A todos eles, o alcalde de Ferrol, agradeceulles “a súa contribución ao impulso da nosa música tradicional”. nha felicitación que Rey Varela fixo extensiva ás madriñas das rondallas, tamén presentes na ceremonia.
Por último, o primeiro edil ferrolán lembrou que o Concello de Ferrol vén de iniciar os trámites necesarios para que As Pepitas sexa declarada Festa de Interese Turístico Regional, posto que “esta é unha festa dende Ferrol queremos exportar e facer chegar a todos os galegos e galegas”.
O remate aos actos institucionais correu a cargo da rondalla Añoranzas, que actuou en directo dende o escenario do Teatro Jofre. Esta tarde, terá lugar a celebración máis popular, coa presenza das rondallas polas rúas da cidade a partir de ao redor das 18.00 horas e o festival na praza de Amboage, previsto ás 20.00 horas e que contará coas actuacións, por esta orde de, Club de Campo e Añoranzas; Bohemios e Sonidos del Alba; Mugardesa e Trovadores de Ares; Cariño e Lucero del Alba; e Virxe de Chamorro. Previamente, o Concello de Ferrol recuperou este ano unha tradición: a concentración de rondallas e a fotografía oficial de todas elas na escalinata principal do Pazo Municipal, un acontecemento fixado para as 17:45 horas.











