O alcalde de Ferrol presidiu a constitución do Consello da Veciñanza
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu na tarde de onte a sesión constitutiva dun novo órgano de presenza veciñal recollido no Regulamento de Participación Cidadá, o Consello da Veciñanza. A constitución formal deste consello desenvolveuse no Salón de Recepcións da Casa Consistorial e á mesma asistiron, ademais do primeiro edil da cidade, o titular de Participación e Atención Cidadán, os representantes dos grupos municipais que forman parte do devandito órgano e os veciños electos nas diferentes Asembleas de Barrio: dous por asemblea.
Na súa intervención, Rey Varela subliñou que a “o Concello de Ferrol, como administración pública máis próxima á cidadanía, debe favorecer o desenvolvemento de ferramentas de participación e de contacto co día a día dos barrios e as súas necesidades”. Nesta liña, o alcalde apuntou que o goberno municipal “non entende a Participación como un compartimento estanco, senón que avogamos porque teña un carácter transversal e integral”. E nesta concepción do que ten que ser a Participación, o rexedor municipal enmarcou a creación da figura dos concelleiros de barrio ou o recentemente posto en marcha Plan de Barrios, que “non é outra cousa que coordinar os servizos municipais e ás empresas concesionarias destes servizos para optimizar ao máximo os recursos dos que dispoñemos e atender ao día a día das necesidades veciñais”.
Ao fío do Plan de Barrios, Rey Varela explicou aos membros do Consello da Veciñanza que o programa de actuacións que se executarán confeccionouse atendendo a varias fontes: informes de deficiencias elaborados polos concelleiros de barrios; queixas e suxestións que os cidadáns fixeron chegar ao Concello a través de diferentes vías: escritos, correos electrónicos, por teléfono, etc.; e propostas veciñais recollidas nas distintas Asembleas de Barrio. “Este Plan de Barrios non substitúe a actividade diaria que levan a cabo os servizos municipais e as empresas concesionarias, senón que é un plus co que perseguimos un obxectivo claro e concreto: mellorar a calidade de vida dos ferroláns e ferrolás”, apuntou Rey Varela.
Primeira reunión
Trala súa constitución formal, o Consello da Veciñanza celebrou a súa primeira xuntanza, na que se tratou a necesidade de artellar un regulamento de funcionamento interno deste órgano. Este será o seguinte paso a dar, para o que serán os propios membros do Consello os que decidan mediante achegas o modelo de funcionamento.
Compre lembrar que forman parte do Consello da Veciñanza o alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, que ostenta a Presidencia; o concelleiro de Participación, Jose Manuel Vilariño Anca, en calidade de vicepresidente; un representante por cada grupo político membro da Corporación Municipal; dous representantes de cada Asemblea de Barrio; e un representante de cada Consello Sectorial. A Secretaría do Consello correspóndelle a un traballador/a municipal, sen voz nin voto.
Funcionamento do Consello da Veciñanza
Entre as competencias do Consello da Veciñanza, o titular de Participación apuntou que estas son: intercambiar información sobre o funcionamento dos Consellos Sectorias e as Asembleas de Barrio, entre outros órganos de participación; elaborar propostas de coordinación entre os órganos de participación; presentar suxestións ao Concello para a mellora dos mecanismos de participación cidadá e para a aplicación de políticas e actuacións municipais integrais ou promover a colaboración entre as entidades cidadás do municipio.











