O alcalde de Ferrol presidirá o acto conmemorativo do Día das Pepitas
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidirá mañá sábado no Teatro Jofre os actos institucionais con motivo do Día das Pepitas e da conmemoración da Irmandade co Concello de Mondoñedo. O programa desenvolverase do seguinte xeito:
– 11.00 horas: A Corporación Municipal de Ferrol recibe á de Mondoñedo, e acto seguido ten lugar a recepción aos músicos e rondallistas homenaxeados este ano, que son: Antonio Illobre Toimil, Roberto López Fraguela, José Enrique Pita Martiño e Javier Fernández Manso. Así mesmo, os alcaldes e concelleiros de Ferrol e Mondoñedo reciben ás madriñas e aos presidentes das Rondallas participantes na Noite das Pepitas.
– 11.30 horas. Tralas fotografías oficiais, xa sobre o escenario do Teatro Jofre acontecerá, en primeiro lugar, o acto de irmandade co Concello de Mondoñedo; que dará paso ás homenaxes con motivo da Noite das Pepitas.
– 12.30 horas. Actuación da Rondalla Añoranzas.
E trala conmemoración institucional, pola tarde será o festexo popular. A partir das 17:45 horas, a praza de Armas acollerá a concentración de rondallas: Club de Campo, Añoranzas; Bohemios, Rondalla Sonidos del Alba; Rondalla Mugardesa, Trovadores de Ares; Rondalla de Cariño, Lucero Alba; ea Rondalla Virgen de Chamorro, integrada por ferroláns residentes en Madrid. En torno ás 20:00 horas comezará na praza de Amboage o festival, no que a Rondalla Virgen de Chamorro actuará fora do concurso.
Compre lembrar, que o goberno municipal que preside Rey Varela iniciou os trámites para conseguir que a ferrolá Noite das Pepitas sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Administración autonómica, co obxectivo de incrementar a súa proxección así como consolidar a marca Ferrol.











