O alcalde de Ferrol presenta os actos institucionais con motivo do Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocal
A-
A+
Presentación dos actos

Presentación dos actos

O alcalde do Concello de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou hoxe os actos institucionais conmemorativos do Día da Muller que serán este venres, día 8 de marzo, ás 19:00 horas no Teatro Jofre. O acto central consistirá nunha homenaxe á que fora deputada nas Cortes Constituíntes de 1977, a ferrolá Nona Inés Vilariño Salgado. Ademais deste recoñecemento, proxectarase o documental “Las Constituyentes”. A entrada ao acto é gratuíta, mediante invitación que se pode retirar no despacho do Teatro Jofre.

Na súa intervención, Rey Varela sinalou que o 8 de marzo “é unha xornada de celebración e tamén reivindicativa”. Nesta liña, lembrou que  a Constitución Española recolle no seu articulado a obrigatoriedade de promover unha igualdade efectiva ante os poderes públicos, engadindo que “a política de igualdade é un dos eixes fundamentais do goberno municipal de Ferrol”. Ao respecto, lembrou que a pesar da complicada situación económica os orzamentos municipais para a Concellería de Igualdade incrementáronse un 35% con respecto ás contas de 2010. Así mesmo, o rexedor ferrolán subliñou que “temos multiplicado por dez o número de participantes nos obradoiros e cursos de Igualdade, pasando de 150 en 2010 a máis de 1.600 persoas na actualidade”.

Pola súa banda, a titular de Igualdade, Verónica Casal, ademais de repasar a programación de actos do Día da Muller prevista para mañá no Jofre, encomiou a figura de Nona Inés Vilariño de quen subliñou o feito de que “formou parte en primeira persoa dun dos momentos políticos máis importantes de España”. “É unha desas mulleres”, engadiu a edil, “que nun mundo de homes contribuíron ao tránsito cara a Democracia e loitaron porque a Constitución establecera a igualdade entre homes e mulleres ante os poderes públicos”.

Unha xornada fermosa”

Por último, a homenaxeada sinalou que a de mañá “será unha das xornadas máis fermosas da miña vida”. Nona Inés Vilariño agradeceu ao conxunto da Corporación Municipal, e especialmente ao alcalde e a edil de Igualdade, este recoñecemento “un dos máis fermosos da miña vida como muller que tivo unha proxección pública. A que fora deputada nas Cortes Constituíntes en 1977 e concelleira de Ferrol dixo considerarse, sobre todo, “unha muller traballadora con máis de 40 anos cotizados á seguridade social e que pasei de desempeñar a miña profesión como mestra á política e da política regresei encantada ás aulas”.

7 de marzo de 2013 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.