O alcalde de Ferrol inaugura o VIII Salón Profesional de Viños de España (Fevino)

Rey Varela visitando os stands de Fevino
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, inaugurou hoxe o VIII Salón Profesional de Viños de España (Fevino), que se celebra nas instalacións do recinto feiral de Punta Arnela (FIMO). O acto contou coa participación, entre outras autoridades, do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo; e ao remate do mesmo, e tras percorrer os expositores cos bodegueiros que participan nesta feira, o primeiro edil da cidade fixo entrega do Premio a unha Traxectoria Profesional a Víctor Pascual Artacho, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe La Rioja e da Organización Interprofesional do Viño de La Rioja.
Na súa intervención, Rey Varela, manifestou o seu convencemento de que “FEVINO converterá de novo a nosa cidade, nunha cidade de referencia para os profesionais e amantes do viño, que é moito máis que un produto de consumo”. Ao respecto, sinalou que o viño e o que xira ao seu redor constitúen “un sector económico fundamental para o noso país, tamén en Galicia, por non falar de toda a cultura, tradición e valor medioambiental que está ligado a esta actividade”.
Así, o rexedor ferrolán apuntou que o feito da presenza durante os próximos tres días en Ferrol de máis de 200 bodegueiros e dos mellores especialistas do mundo vitivinícola “servirá para relanzar aínda máis un sector que hoxe en día xa é moi importante para a nosa economía e, a través do cal, Galicia e España teñen unha importante proxección internacional grazas á excelencia dos seus viños”, dixo.











