O alcalde de Ferrol inaugurou hoxe as “V Xornadas sobre Recursos da Zona Atlántica”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Rey Varela na inauguración

Rey Varela na inauguración

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe a inauguración das V Xornadas sobre Recursos da zona Atlántica centradas en analizar o turismo industrial nas comarcas de Ferrol e Ortegal. Este encontro, organizado pola Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, en colaboración co Concello de Ferrol e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), desenvólvense dende hoxe até pasadomañá, día 13, no edificio da Exposición Permanente da Construción Naval (Exponav).

No seu discurso, o primeiro edil da cidade recordou que o ano pasado o Concello de Ferrol poñía en marcha a Ruta da Construción Naval, un novo produto turístico que conta coa colaboración da Confederación de Empresarios de Ferroltera -COFER -, da Deputación Provincial da Coruña, de  Navantia e do Arsenal Militar de Ferrol. Este itinerario industrial “ten demostrado que é unha magnífica iniciativa que pon no competitivo mercado turístico un produto diferente, que destaca unha das singularidades de Ferrol e comarca”, dixo Rey Varela. Ao fío disto, o alcalde engadiu que “Ferrol non se entende sen a construción naval, o Arsenal Militar e Navantia, de aí que os nosos esforzos se centraran en conseguir, e creo que o temos feito,  que a Ruta do Naval sexa o mellor produto de turismo industrial de España e un dos mellores de Europa”.

Así mesmo, Rey Varela manifestou que, no eido turístico, “o goberno municipal está a centrar os esforzos en poñer en valor e difundir aqueles aspectos que fan a Ferrol un destino turístico único, como son a propia Ruta do Naval, e tamén As Pepitas e a nosa Semana Santa”. Neste sentido, sinalou que tanto a ruta como estes eventos “forman parte do noso ADN como ferroláns”, polo que este mes de marzo “é un dos mellores momentos do ano para visitar a cidade”.

Marca Ferrol

Nesta liña, o alcalde da cidade apuntou a importancia que ten para a percepción da cidade e para a marca Ferrol “coidar e promover o que somos”, e dentro dese obxectivo do goberno municipal enmárcase tanto a Ruta da Construción Naval como o camiño xa iniciado para conseguir a Declaración de Interese Turístico Internacional para a Semana Santa Ferrolá; e o recoñecemento das Pepitas como Festa de Interés Turístico de Galicia.

11 de marzo de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.